OurenseÚltima hora

Asínase a acta de replanteo das obras de ampliación do CHUO

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiron o acto de sinatura do documento que dá comezo a execución efectiva do contrato

 

Neste luns a Xunta asinaba a acta de replanteo das obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO), que “se iniciarán a finais de marzo cun investimento de preto de 52,6 M€ e xerarán preto de 1.000 empregos”, segundo a administración galega. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Féliz Rubial, presidiron a sinatura do documento por parte da dirección da obra da Xunta e da empresa adxudicataria, a UTE formada por Copasa e o Grupo Puentes.

A rúbrica deste documento dá comezo a execución efectiva do contrato e permite avanzar na preparación dos traballos para iniciar este mesmo mes a construción dun novo edificio de hospitalización e para reformar o actual Hospital Materno Infantil, ao tempo que se melloran os accesos.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade indicou que o prazo das obras é de 40 meses, prazo que se tentará acurtar durante a execución dos traballos. Con todo, apuntou, o obxectivo da Xunta é ir acadando fitos: un primeiro, que a finais de 2023 poida estar rematado o novo edificio, para proceder ao traslado do Materno Infantil e poder iniciar a reforma integral do edificio actual.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade indicou que a ampliación do CHUO, coincidirá en paralelo con outras dúas reformas: a obra da UCI, cun investimento de 9 millóns; e o novo servizo de medicina nuclear, no que se avanzou a pasada semana no marco do Consello da Xunta. Este servizo conta cunha previsión de 5,5 millóns para as obras e o equipamento de alta tecnoloxía que consistirá en dúas novas gammacámaras e un equipo PET-TC de nova dotación.

 

 

Durante o acto tamén fixo alusión ao remate do Plan funcional para construír un edificio administrativo e un novo edificio ambulatorio, cos conseguintes axustes para proceder á licitación do seu proxecto arquitectónico. Con todo, García Comesaña incidiu no feito de que a renovación do CHUO vai máis alá da infraestrutura, afectando tamén á renovación do equipamento. Nesta liña, destacou a adquisición dunha nova resonancia magnética no 2020 e a posta en marcha do novo laboratorio, cun sistema de automatización intelixente. Tamén a incorporación, no 2021, de cinco equipos radiocirúrxicos por valor duns 600.000 euros. Este hospital conta con un dos sete novos equipos DaVinci de cirurxía robótica que se incorporaron á sanidade pública galega e que fixeron posible realizar coa máxima precisión intervencións de uroloxía, cirurxía xeral e dixestiva ou xinecoloxía.

O investimento de máis de 90 millóns de euros dos Orzamentos da Xunta para 2022 en tecnoloxía sanitaria posibilitará, entre outras cousas, renovar dous aceleradores lineais do servizo de radioterapia e catro equipos TAC; renovar o equipo de anxiografía vascular e engadirlle un novo equipo de anxiografía neurorradiolóxica; así como incorporar oito novos ecógrafos para o servizo de radiodiagnóstico e un para o servizo de urxencias.

As obras de ampliación do CHUO

Segundo detallou Ethel Vázquez, as obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense consistirán na construción dun novo edificio de hospitalización e na reforma do actual Hospital Materno Infantil, ao tempo que se melloran os accesos.

En total, vaise actuar sobre 33.000 m², dos cales máis de 19.000 serán de reforma e preto de 14.000 m² de nova construción, incrementando a superficie construída do hospital nun 11% ata superar os 136.000 m².

O novo edificio de hospitalización terá 12 plantas e disporase entre o oeste do antigo edificio Materno Infantil e o Hospital Cristal.

No Hospital Materno Infantil levarase a cabo unha reforma integral, para a súa posta en valor e mellora da funcionalidade, conservándose só a súa estrutura.

Unha vez realizadas estas actuacións permitirán poñer á disposición dos veciños de Ourense unha área pediátrica con 38 camas; área de neonatoloxía, con UCI pediátrica; e zona de urxencias pediátricas e de urxencias obstétricas, entre outras. Ademais, tamén se dotará o complexo de área de radioloxía, de diálise, hospitalización obstétrica, con 56 camas, e hospitalización convencional, con 280 camas.

Artigos relacionados

Back to top button