ConcellosÚltima hora

Asínase a addenda ao convenio de colaboración para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais

A comunidade galega contará con 5 novos GES, 2 deles na provincia de Ourense con sedes en A Veiga e Maceda

O GES Valdeorras nunha imaxe da arquivo.

 

Esta mañá asinábase a addenda ao convenio de colaboración para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES). No acto participaban o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; e o conselleiro do Medio Rural, José González, ademais do presidente da Fegamp, Alberto Varela, e os presidentes das deputacións de Ourense e Lugo, Manuel Baltar e José Tomé, respectivamente. Tamén asistiron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

A addenda a este convenio supón un incremento por parte da Xunta no financiamento destes grupos en case 300.000 euros, de forma que o investimento anual do goberno galego nestes servizos acadará os 4,8 millóns de euros, máis da metade do seu custo anual. “Este aumento obedece á incorporación de novos GES tras o acordo o pasado novembro entre a Xunta, as deputacións provinciais e os concellos a través da Fegamp para dar unha atención eficaz aos cidadáns ante calquera emerxencia”, segundo explican dende a administración galega.

Así, a comunidade galega contará con 5 novos GES: 2 na provincia de Ourense con sedes en A Veiga e Maceda e 3 na de Pontevedra con bases en A Lama, A Cañiza e Mos/Redondela, este último cunha subsede en cada un dos dous municipios. A eles súmase o servizo supramunicipal no concello coruñés de Noia. Cos novos servizos, o mapa de emerxencias de Galicia contará con 29 GES e 4 servizos municipais que cubrirán 190 concellos.

 

Acto de sinatura do convenio.

 

A addenda tamén establece un  novo emprazamento, en Friol ao GES que daba cobertura a zona sur da Terra Cha Lugo e que agora atenderá aos concellos de Begonte, Friol, Guitiriz, Palas de Rei e Outeiro de Rei.

O investimento total dos GES desde a súa creación supera os 48 millóns de euros para o seu funcionamento, así como na formación dos seus efectivos na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e na dotación de material. De feito, en canto ao apoio en equipamento, a Xunta leva máis de 8 millóns de material cedido, incluíndo as entregas previstas para este ano cun orzamento de 3,1 millóns de euros.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que “os novos grupos permitirán reducir os tempos de resposta nos casos de situacións de emerxencia”, polo que apelou a seguir colaborando cos concellos e deputacións provinciais neste ámbito para ofrecer unha mellor atención e continuar a completar o mapa de emerxencias que abarca o territorio galego.

Pola súa banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, enmarcou a sinatura desta addenda nun dos eixes primordiais do seu departamento -o da prevención- e referiuse aos GES como outra das pezas da engrenaxe de profesionais encargados da protección de incendios e a súa contribución á protección do monte, dos bens non forestais e das persoas.

 

Ademais, esta mesma mañá foron entregadas 11 motobombas a distintos distritos co obxectivo de poñer a disposición dos efectivos antiincendios os medios materiais precisos para facer fronte aos lumes forestais. A Xunta está a levar a cabo distintas actuacións para incrementar o valor dos montes como o Plan de pastos, o Plan estratéxico do castiñeiro ou as diferentes iniciativas de mobilización de terras que se incrementarán coa futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button