CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A Asociación C. Os Tres Reinos celebra o Día da Muller na Mezquita

Entre os actos do día 8 de marzo inclúese unha exposición sobre mulleres pioneiras que “marcaron a diferenza” e unha mesa redonda co título “Rompendo mitos: A muller nova no rural”

Murais e pinturas, unha exposición e unha charla-coloquio. Son algunhas das actividades coas que a Asociación Cultural Os Tres Reinos conmemorará o Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, na Mezquita. A partir das 18:30 h., no Edificio Multiusos, terá lugar unha actividade chamada “Coñeces as precursoras?” na que se exporán diversos paneis con imaxes e información sobre “diferentes mulleres que marcaron a diferenza, que foron pioneiras no seu campo e que seguen a ser un referente. Búscase a participación da poboación amosando se existe ou non coñecemento sobre estas pioneiras e o seu traballo (mediante un sinxelo código de cores)”, indican dende esta entidade, que resalta o carácter participativo da mostra.

Despois darase paso a unha mesa redonda, co título “Rompendo mitos: A muller nova no rural”, coa participación de veciñas/os da zona rural das Frieiras (A Gudiña-A Mezquita): Estrella Alonso (mestra e presidenta da Asociación Os Tres Reinos), Tamara Ballesteros (emprendedora autónoma na Mezquita), Raquel Barja (autónoma agraria), Cristina Clavería (diplomada en Relacións Públicas e Publicidade, traballadora da Asoc. Os Tres Reinos), Raquel Fernández (educadora social, secretaria da Comunidade de Montes en Man Común da Gudiña, concelleira e portavoz do BNG- A Gudiña), Soraya López (traballadora social e empregada da Asoc. Os Tres Reinos), Rafael Pérez (Alcalde do concello de A Mezquita) e Belén Rodríguez (educadora social e traballadora na Asociación Os Tres Reinos).

“O que se pretende é que haxa un intercambio comunicativo activo entre as diferentes perspectivas e opinións destas mulleres e homes que viven e traballan nunha zona rural illada como son as Frieiras. Anímase a toda a poboación a participar activamente no debate e amosar as súas opinións”, indican dende a Asociación Cultural Os Tres Reinos. Ao rematar o coloquio servirase unha merenda para os asistentes.

Ademais, xa ao longo desta semana estívose involucrando aos máis pequenos/as na celebración desta data. Crearon un mural e pinturas reivindicando o papel da muller na sociedade.

Artigos relacionados

Back to top button