En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Asociación de Colleiteiros do Ribeiro presenta a nova colleita

Esta entidade, que reúne a 31 socios e suma 700.000 litros, aposta pola internacionalización dos seus viños

 

“Non só celebramos a presentación dos novos viños, senón tamén a presentación da nosa asociación, que naceu hai xa 18 anos, pero que foi no pasado verán cando sete colleiteiros decidiron retomar o proxecto. Un proxecto que a día de hoxe implica a 31 colleiteiros/as, só este feito é xa todo un éxito”. Deste xeito comezaba Brais Iglesias, presidente da Asociación de Colleiteiros do Ribeiro a súa intervención na presentación da nova colleita desta entidade. Este acto tiña lugar no Parque Náutico de Castrelo de Miño na tarde do 11 de abril e contaba coa presenza de diversas autoridades como o director xeral do Igape, Javier Aguilera, alcaldes da comarca do Ribeiro (entre eles o de Castrelo de Miño), representantes de diferentes asociacións profesionais do sector do viño, chefs e sumilleres da alta cociña galega e sindicatos.

Os membros desta entidade suman nesta nova colleita un total de 700.000 litros e veñen traballando xa dende a reactivación da asociación coa mirada posta nos mercados internacionais. “Nestes tempos de crise económica, a comercialización do viño non é tarefa doada, a promoción xa de antes importante, converteuse agora en crítica, xa que a clave para superar a crise económica ten sido e é a expansión a outros mercados nacionais e internacionais”, matizaba Brais Iglesias.

Ao marxe do papel relevante que desempeñan as denominacións de orixe no aspecto promocional, o presidente desta asociación incidía na importancia de que as “diferentes adegas traballen en accións de promoción propias, tanto individualmente como asociadas, sempre cun obxectivo común de fondo: promocionar o Ribeiro, como xa puidemos ver, as axudas para promoción, agora focalízanse máis naqueles que se asocian, que na promoción individual das adegas”. Neste senso resaltaba ademais que esta asociación “non só nace para a promoción, senón tamén para aforrar en custes de produción, que son tan importantes como a promoción, pois é parte da economía básica de cada empresa”.

Durante este acto interviña tamén o director xeral do Igape, quen recoñecía o esforzo de internacionalización dos colleiteiros do Ribeiro, que participaron xa en eventos como a Galician Gourmet Extravaganza en Bruxelas ou na feira Prowein en Alemaña. Ademais esta agrupación exploraba durante este ano o mercado australiano e prevé buscar negocio en Corea do Sur e Canadá.

 

Fotos cedidas pola Asociación de Colleiteiros do Ribeiro.

Artigos relacionados

Back to top button