EconomíaEconomíaÚltima hora

A Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense entrega os seus premios anuais

O evento celebrouse na Praza de Abastos da Ponte, en Ourense, ao que asistiron diferentes autoridades

A Praza de Abastos da Ponte, en Ourense, foi o escenario escollido pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE Ourense) para realizar a gala de entrega de galardóns da V edición dos Premios AJE Ourense, na que se nomeou ao mellor xoven empresario de Ourense, un galardón que foi a parar para Juan Manuel Fernández Nóvoa, da empresa Moovet.

O acto foi aberto polo presidente da asociación, Lois Babarro, que fixo unha exaltación da Unión Europea como elemento de axuda ao emprendemento. Asemade, loou o traballo dos xoves empresarios ourensáns “que soubemos facer crecer o sector primario da provincia”. Nas súas verbas salientou que os mozos que emprenden “debemos de ser humildes” porque “que teñamos unha ou dúas carreiras e un máster non nos fai estar preparados para a vida”, asegurou. Tamén pediu humildade para as institucións públicas “e que nos sirvades de exemplo”.

Tras Lois Babarro, foi a quenda do presidente de AJE Galicia, Marcos Balboa, que reiterou que os xoves empresarios “somos o presente e o futuro desta comunidade”.

Entre as autoridades presentes no acto estivo o presidente da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), José Manue Pérez Canal; a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez e o secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Borja Verea, que destacou o espírito emprendedor da provincia “na que hai ideas e talento, ganas de traballar e valentía para comezar novos proxectos”.

Segundo salientou, en Ourense creáronse 370 empresas no que vai de ano, nas que se investiron 175 millóns de euros. O secretario xeral técnico salientou que Ourense “debe de ser un exemplo para o resto de Galicia na reivindicación do rural galego”.

No eido do palmarés, a sorpresa da velada foi o anuncio do premio ao “Mellor Mentor 2017”, que foi atribuído á asesora da alcaldía de Ourense, María José del Barrio, que dixo sentirse honrada por recibires o premio e asegurou que “teño o mellor mestre ” -referíndose ao alcalde da cidade, Jesús Vázquez.- Na categoría de “Compromiso Social 2018”, o premio foi para Amigos da Terra, que o recolleu o secretario da asociación, Víctor Barrio, da man do vicepresidente de AJE Ourense, César González.

O premio “Mellor Iniciativa Emprendedora 2017” foi para a empresa Gandarela, de Olga Penedo, que recolleu o premio de mans do secretario xeral da Consellería de Economía, Borja Verea, a vicepresidenta de AJE Ourense, Rosana Bernárdez; e a gañadora da edición anterior, Begoña Mera.

Fotos: Carlos Asensio e cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button