En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Asociación Valdeorresa de Apicultores cumpre trinta anos

Os socios entregáronlle unha placa ao presidente Armando Rodríguez, ao fronte do colectivo dende os seus inicios

Tres décadas de historia atesoura a Asociación Valdeorresa de Apicultores. As mesmas que o seu fundador e presidente Armando Rodríguez Losada leva ao fronte. Por iso, para agradecerlle o seu labor desinteresado durante estos trinta anos, os socios tiveron un detalle con el, regalándolle unha placa conmemorativa.

Facíanlle entrega do agasallo na tarde do 24 de febreiro, no marco da asemblea xeral ordinaria que a asociación celebraba no centro sociocultural Santa Lucía en Vilamartín de Valdeorras. Non o esperaba e aínda que asegurou que “necesita relevo” e quere deixar o cargo, amosouse sorprendido e moi emocionado co detalle.

Ademais do balance de contas, memoria inventario do ano, entre os puntos tratados na asemblea á que asistía un bo número de socios, estaban precisamente os actos conmemorativos do trinta aniversario. Entre as propostas dos presentes están a organización dun ciclo de conferencias, un xantar popular e varios cursos (entre eles un sobre ácido oxálico para facer fronte á varrose e outro sobre propóleos).

Trala asemblea, Javier Seijo, técnico da Agrupación Apícola de Galicia devolvía aos socios que a solicitaron no 2017, os cartos da subvención das ceras e do alimento. De seguido, impartía unha charla sobre o trampeo, para captura de raíñas de vespa velutina, unha medida que tamén recomendan dende a asociación coa distribución de carteis informativos.

 

Cartel da vespa velutina.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.
Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button