En portadaÚltima hora

“AstroTrevinca” convertirá á Veiga na capital galega da astronomía do 14 ao 16 de setembro

Estas xornadas incluirán diversas conferencias pero tamén sesións de observación e actividades turísticas neste municipio
Ceo nocturno de Trevinca./ Foto: Óscar Blanco.

Está considerado un punto de encontro para investigadores e profesionais da astronomía, pero tamén para o público en xeral. Do 14 ao 16 de setembro desenvolverase a quinta edición das xornadas astronomía “AstroTrevinca 2018”, no que está considerado o mellor ceo de Galicia.

A presentación desta iniciativa tiña lugar na mañá do 24 de agosto no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o coordinador das xornadas, Óscar Blanco.

Blanco explicou que a primeira edición organizouse co obxectivo de “darlle máis representación ao que se fai en astronomía en Galicia” e destacou a idoneidade da Veiga para a observación do ceo “pola súa baixa contaminación lumínica, pola climatoloxía ao ser onde máis noites e días despexados hai ao ano, e pola súa gran altitude que fai que a atmosfera mostre as súas mellores condicións. E, por último, porque combina moi ben a paisaxe do terreo coa paisaxe do ceo”.

Pola súa parte, o alcalde da Veiga dixo que con esta nova edición “conseguimos consolidar un proxecto estrela” e destacou que “o cumio de todo este proxecto que estamos a levar a cabo no eido do astroturismo é a construción do Observatorio Astronómico de Trevinca que comezará no mes de setembro. Un proxecto que temos perfectamente definido non só no que se refire á estrutura senón tamén a súa funcionalidade, porque está pensado para que todo o mundo poida gozar do ceo da Veiga e do seu entorno, ademais de ter unha parte tamén científica”. Así mesmo, Juan Anta sinalou que o obxectivo final é lograr que A Veiga sexa “o referente do turismo rural galego”.

 

O coordinador das xornadas Óscar Blanco, o alcalde da Veiga, Juan Anta, e o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández./ Foto cedida.

A Deputación de Ourense colabora con estas xornadas que, coa celebración desta quinta edición, están a converterse “nun evento de referencia no eido da astronomía en Galicia”, dixo Rosendo Fernández, quen destacou do evento que “non só é unha cita para investigadores e profesionais da materia, senón que tamén está dirixido a todo o público en xeral que estea interesado na observación do ceo”. Así mesmo, o vicepresidente do goberno provincial felicitou ao Concello da Veiga por desenvolver “este tipo de iniciativas que supoñen un pulo para un dos sectores turísticos emerxentes na nosa provincia: o astroturismo”.

O programa

A Veiga, un dos catorce destinos turísticos “Starlight” no mundo que conta con esta certificación e que converte a Trevinca nun dos mellores lugares do mundo para contemplar as estrelas, acollerá unha nova edición destas xornadas que serán presentadas o día 14 de setembro, ás 20.00 horas, no edificio do Toural e, posteriormente, ás 22.00 horas, terá lugar a observación na Tablilla.

O día 15 de setembro, no edificio de conferencias do Toural, celebraranse diferentes conferencias que abordarán as seguintes cuestións: “Arqueoastronomía, o ceo no pasado”, “Astrotimelapses, fotóns en movemento”, “Astronomía para influencers”, “Ligar con astronomía”, “A astronomía de Julio Verne” e “Fotografía nocturna e astropaisaxe”. A xornada do sábado rematará coa observación astronómica na Tablilla, ás 22.00 horas. Por último, o domingo, 16 de setembro, ás 11.00 horas, terá lugar unha visita ao lugar de construción do Observatorio Astronómico de Trevinca no que se explicará aos participantes este proxecto e, ás 12.00 horas, a programación centrarase na Astrofotografía. Pola tarde, ás 16.00 horas, os participantes poderán gozar dun paseo en catamarán polo encoro de Prada ou dunha visita a “Cántara de Moura”.

Os interesados en participar poderán anotarse a través do número de teléfono 988350130 ou do correo electrónico trevincastarlight@gmail.com.

Artigos relacionados

Back to top button