CulturaCulturaÚltima hora

“Asulagadas”, poemario de Suso Díaz homenaxe ás aldeas cubertas polo encoro do Lindoso

Neste 8 de xaneiro cúmprense 30 anos deste feito no Val do Limia que recorda este autor cos seus versos

 

“Após 30 anos do asulagamento (8 de xaneiro de 1992) do noso marabilloso val do Limia, este é o meu tributo á súa memoria e a das súas xentes”. Deste xeito se refire Suso Díaz ao seu poemario “Asulagadas” (Edicións Positivas) xusto no día no que se cumpren 30 anos dese feito, cando o encoro de Lindoso cubría as aldeas de Aceredo, Buscalque, O Vao e Reloeira. Este libro comeza hoxe mesmo a súa distribución.

“Comezo aclarando que “Asulagadas” publícase no galego que falamos no val do Limia (comezando polo título), ou no que conseguín recordar, en boa medida, coa axuda de meus pais. Era unha idea que me ocupaba, e cando lle entreguei o libro no galego normativo ao editor, Paco Macías, comenteillo e animoume a achegalo á nosa variante lingüística, o que demorou ano e medio o seu lanzamento”, indica Díaz.

 

 

O autor confesa tamén que este libro, con prólogo de Manuel Lamela Bautista, “é o que leva máis do neno que fun, da miña infancia en Ludeiros e no val do Limia, principalmente percorrendo Aceredo e O Vao, algo menos Buscalque e a Reloeira; logo o reencontro, xa no final, antes do asulagamento, na adolescencia, un tempo moi fermoso onde vivimos o val con toda a xente e principalmente coa mocidade. Desa memoria abrollan todos estes poemas que son o meu tributo á xente do val, e dalgún xeito é a miña humilde aportación a manter vivo, desde o meu ollar e desde o meu sentimento, ese universo que nós perdemos para sempre”.

“Asulagadas” reúne 101 poemas (2965 versos) e Suso Díaz considérao un libro “inacabado”, polo que “sigo escribindo sobre o val e agardo facelo moito tempo”. O autor explica que, “en certa maneira”, este poemario “levábao dentro, mais por unhas razóns ou por outras ía demorando a súa escrita, ata que no outono do ano 2018, unha vez máis, o encoro volveu deixar ao descuberto boa parte das aldeas, principalmente de Aceredo. Pedro, o noso fillo, insistíalle a súa nai que quería ir ver a que fóra a súa aldea. Foi naquela visita cando escribín o poema “Aceredo”, que está no libro que lle dediquei a el, “PEDRO”; e ese mesmo día escribín outro poema que vai en ASULAGADAS, e se titula “Resistir ollando na memoria”. Despois xa foi un non parar ao longo dun ano, máis ou menos, que me levou escribir a maioría dos poemas, pois, algúns xa os tiña escrito tempo atrás”.

 

Artigos relacionados

Back to top button