Publicidade
CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Ata 200 persoas puideron vivir no s. IV no Castro de Valencia do Sil

En setembro realizaranse novas escavacións arqueolóxicas neste xacemento de Vilamartín de Valdeorras

Zona escavada no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras)./ Foto: A.R.

 

Son, polo momento datos provisionais, pero segundo o equipo de Sputnik Labrego o Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras) puido albergar no século IV d.C. unha poboación de entre 150 e 200 persoas que viviu ao mesmo tempo no xacemento. “Grazas ás análises derivadas do voo dron e dos datos xa existentes puidemos calcular esa ocupación”, afirma Carlos Tejerizo, director do proxecto Sputnik Labrego.

Esta é unha das conclusións presentadas polo equipo na memoria interpretativa entregada esta semana na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, onde se detallan todos os resultados da escavación que o equipo levou a cabo neste lugar arqueolóxico valdeorrés en setembro do pasado. “O resultado máis importante, continúa Tejerizo, foi que grazas a esta intervención e á de Santiago Ferrer un mes antes da nosa, este xacemento recuperou o lugar que lle correspondía dentro da comarca de Valdeorras”. O arqueólogo valdeorrés acometía no mes de xullo unha intervención arqueolóxica na zona escavada 30 anos antes polo grupo de Os Escarvadores.

A memoria interpretativa agora entregada por Sputnik Labrego é un trámite obrigatorio en toda intervención arqueolóxica para presentar a metodoloxía, resultados e potencialidades dun sitio arqueolóxico. Así, estes resultados fanse públicos e poden ser consultados por outros especialistas.

“Os resultados das análises petrográficas que fixemos sobre as mostras recollidas no xacemento demostran que o sector que escavamos está vinculado coa actividade metalúrxica, probablemente coa forxa de ferro, aínda que non podemos descartar que sexa de cobre. Temos que facer máis análises” dinos Celtia Rodríguez, co-directora da intervención. “Isto demóstranos a presenza non só de actividades especializadas no sitio, mais tamén unha organización interna moi ben estruturada”, segue a arqueóloga, “a xente que habitaba no sitio sabía moi ben o que facía”.

A memoria tamén presenta as dúas datacións radiocarbónicas realizadas sobre o sitio, que mostrarían unha ocupación clara do xacemento cara a mediados do século IV, aínda que non se pode descartar nin unha ocupación anterior nin posterior. “Sen dúbida, temos que seguir a investigar”, remata a co-directora.

As intervencións en Valencia do Sil continuarán o próximo setembro, cunha escavación que contará coa presenza de alumnas e alumnos do Mestrado de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade da Universidade de Santiago de Compostela, a partir dun convenio asinado entre a Universidade e o Concello de Vilamartín de Valdeorras. “Grazas á aposta do concello pola cultura e o patrimonio poderemos continuar coa investigación”, di Tejerizo, “por suposto, en canto ás condicións sanitarias o permitan, presentaremos os resultados á xente de Valencia do Sil, Vilamartín e a toda aquela xente interesada. Toda esta información perténcelles”.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close