EconomíaEconomíaÚltima hora

Ata o 8 de novembro os comerciantes poderán sumarse á nova rede de comercios e mercados do Camiño

A adhesión é gratuíta e os establecementos, que recibirán un distintivo identificativo e elementos promocionais, beneficiaranse das diferentes actuacións de dinamización que se leven a cabo na Rede no marco do Xacobeo 2021

Establecemento rues situado xunto ao Camiño de Inverno./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste martes 8 de outubro vén de publicar a convocatoria para poñer en marcha a nova Rede de Comercios e Mercados no Camiño, unha iniciativa que permitirá potenciar as vendas do comercio de proximidade nos 138 concellos polos que transcorren as diferentes rutas de peregrinación ao tempo que servirá para mellorar os servizos que estes establecementos prestan aos peregrinos.

“Poden sumarse a esta Rede de xeito gratuíto tanto os establecementos comerciais como as asociacións de vendedores de prazas de abastos. Ademais, as agrupacións de comerciantes locais poderán solicitar a adhesión en nome dos seus asociados. O primeiro prazo para facelo permanecerá aberto ata o vindeiro 8 de novembro”, segundo se informa dende a Consellería de Economía.

Os establecementos que se adhiran á rede recibirán “un pack de benvida con distintos elementos promocionais para os seus clientes e un distintivo identificativo para o local. Ademais, poderán beneficiarse das diferentes actuacións de dinamización que se leven a cabo en torno á Rede para apoiar a celebración do Xacobeo 2021, co obxectivo de animar tanto aos peregrinos como aos veciños das vilas e cidades a consumir produtos de proximidade no comercio local”, tal e como informa a Administración galega.

Con esta iniciativa búscase, “por un lado, a dinamización comercial do Camiño, potenciando as vendas e a visibilización dos comercios e mercados situados nos Camiños de Santiago e, por outra banda, mellorar os servizos comerciais ofrecidos aos camiñantes e que estes manteñan a súa relación de clientes a través dos diferentes canais on line de comercialización cando volvan aos seus lugares de orixe”, citando á Consellería de Economía.

A orde que regula a adhesión de establecementos a esta Rede inclúe tamén unha convocatoria de axudas de ata 2.800 euros por beneficiario para que os comercios adheridos que así o desexen editen coa imaxe da Rede de Comercios e Mercados no Camiño solucións en material biodegradable de empaquetado exterior, tanto para o seu envío como para a presentación do produto, protección ou para o seu consumo. Tamén poderán obter apoios para a edición personalizada de selos para as credenciais dos peregrinos.

Máis información:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191008/AnuncioG0424-240919-0003_gl.html

Artigos relacionados

Back to top button