SanidadeÚltima hora

A Atención Primaria de Barbadás centralízase no Centro de Saúde da Valenzá

O traslado farase efectivo o vindeiro luns, 17 de xullo, pero os que xa tiñan citas concertadas para analíticas de sangue poderán facelo no Centro de Saúde de Barbadás sen modificacións
Centro de Saúde da Valenzá. // Foto: Carlos Asensio. 

O SERGAS centralizará a Atención Primaria de Barbadás no Centro de Saúde da Valenzá dende o vindeiro luns, 17 de xullo. Esta centralización implica a apmpliación tanto o horario de atención como de acceso aos servizos dos menos de 400 usuarios que ata agora acudían ao vello consultorio da parroquia de Barbadás, aseguran dende o Servizo Galego de Saúde.

Con esta medida, “ponse fin á dispersión asistencial dos veciños deste concello, en dous centros, motivada pola falta de espazo no local que, ata este mes de marzo, acollía seu centro de saúde, así como as limitacións horarias de consulta e obrigado desprazamento dos pacientes, da parroquia Barbadás, para acceder ao resto de servizos asistenciais e unidades de apoio do seu centro de saúde”, apuntan fontes sanitarias.

O novo centro de saúde de A Valenzá conta cunha superficie de 1.952 metros cadrados, “que triplica o espazo dispoñible anteriormente”.

Dende a Unidade de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco reiteran que esta centralidade dase polo reducido número de usuarios e actividade decrecente, uns cinco pacientes diarios, na actualidade. Nembargantes reiteran que os veciños que aínda continuaban recibindo asistencia no consultorio de Barbadás, dispoñían dunha hora de consulta diaria, tanto de médico como de enfermeira, que se desprazaban desde A Valenzá, coa conseguinte falta de operatividade e perda de tempo de consulta.

Para proceder a este traslado, os responsables da Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense remitiron cartas personalizadas aos usuarios, comunicando as datas previstas da unificación os responsables municipais. Asemade, para facilitar o cambio, os pacientes que xa tiñan cita para unha extracción de sangue para unha analítica, poderán realizala na data prevista no consultorio de Barbadás.

Artigos relacionados

Back to top button