En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Atletas do Club Adas Proinor, no podio da San Martiño 2016

Alejandro Fernández e Ester Navarrete, segundos na 40ª edición da carreira pedestre popular de Ourense

Pasado por auga. Así estivo o corenta aniversario da Carreira Pedestre Popular do San Martiño que se celebraba na mañá do 20 de novembro polas rúas da cidade de Ourense. Unha edición na que non se marcaron récords pero que si mantivo a multitudinaria participación cuns 11.000 inscritos entre as tres carreiras: absoluta, escolar e cativos.

Sobre unha superficie enchoupada e a intensa e chuvia, finalmente non correron todos os inscritos e foron algo máis de 3.500 os adultos tomaban a saída na carreira absoluta ás 11 da mañá dende a ponte do Milenio. Entre os favoritos a coroar a proba estaba o ourensán Alejandro Fernández do club Adas Proinor, que entraba en meta en segundo lugar logo de percorrer os 10 quilómetros en 30 minutos e 38 segundos. Dez segundos antes entrara o gañador da carreira, Nuno Costa do SD Sampaio da Estrada. O terceiro caixón do podio era para Lolo Penas do New Balance Team.

Tamén na categoría feminina o Club Adas Proinor do Barco de Valdeorras colocaba no segundo caixón do podio a unha das súas atletas, Ester Navarrete, que empregaba 35 minutos e 12 segundos en completar o percorrido. Joselyn Daniely Abreu ganáballe o primeiro posto por seis segundos. O terceiro caixón era para Solange Pereira, gañadora da pasada edición.

Trala carreira de adultos, tomaban a saída case 2.500 escolares, de novo dende a ponte do Milenio para completar os 4,7 quilómetros reglamentarios. Os últimos en correr eran os cativos, sobre unha superficie de 1,7 quilómetros.

Nesta galería de imaxes poden verse diferentes momentos da carreira, dende os preparativos, quecementos e saída ata a chegada á meta.

Máis información na vindeira edición en papel de O Sil Deportivo e máis fotos nos seguintes enlaces:

https://osil.info/alta-participacion-na-xl-san-martino-pese-intensa-choiva/
https://osil.info/xl-san-martino-de-ourense-en-imaxes/
Fotos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button