DeportesEn portadaÚltima hora

Atletismo e solidariedade danse a man en Valdeorras

A Federación Galega de Atletismo vén de asinar un convenio de colaboración coa Cruz Vermella valdeorresa
Os presidentes da FGA e da Cruz Vermella Valdeorras, asinando o convenio de colaboración ante a mirada do presidente do Club Adas./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Os presidentes da FGA e da Cruz Vermella Valdeorras, asinando o convenio de colaboración ante a mirada do presidente do Club Adas./ Foto: Ángeles Rodríguez.

“O deporte é un vehículo de unión no que conflúen moitos intereses, algúns saudables, pero outros tamén de carácter máis solidario, como é o caso deste convenio”. Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), referíase deste xeito ao acordo que asinaba na mañá do 2 de setembro coa Cruz Vermella en Valdeorras.

A través deste convenio, a FGA comprométese a colaborar coa entidade benéfica nas distintas probas atléticas que se desenvolvan na zona. “A colaboración será diferente segundo os casos. Por exemplo, na Carreira dos Santiños, que se celebrará en novembro, esa aportación será en xoguetes para a nosa campaña de Nadal, destinada a nenos de familias sen recursos. Noutros casos, será en metálico para poder así financiar os nosos programas, proxectos e actividades destinados a personas en risco de exclusión social”, explicaba o presidente comarcal da Cruz Vermella, Maximino Alonso.

O presidente da FGA, Isidoro Hornillos, intervindo na rolda de prensa celebrada antes da sinatura do convenio./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O presidente da FGA, Isidoro Hornillos, intervindo na rolda de prensa celebrada antes da sinatura do convenio./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Este é o primeiro convenio que a FGA asina coa Cruz Vermella, segundo matizaba Isidoro Hornillos, quen expresaba o seu “orgullo de poder colaborar con esta institución” e adiantaba que “pola nosa parte, estamos interesados en continuar con este proxecto, que isto non sexa unha sinatura puntual, senón que teña proxección nun futuro. Estou seguro de que con esta relación que establecemos a partir de hoxe o atletismo, o deporte, a sociedade vai ser mellor”.

O acto da sinatura, que tiña lugar na sede da Cruz Vermella no Barco, tamén contaba coa asistencia do presidente do Club Adas do Barco, Agustín González, que é ademais director técnico da Delegación Valdeorresa da FGA. González sinalaba que “este acordo é positivo para ambas entidades. Por unha banda, búscase a solidariedade, e pola outra, tamén a participación”.

Texto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button