CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Atopado o primeiro miliario con inscrición da Via Nova romana en Valdeorras

Aparecía hai uns meses xunto á Ponte da Cigarrosa, á beira da cal na parte petinesa vén de colocarse de novo e descubrirase en breve nun acto que promoverá o Concello de Petín

 

O paso da Via Nova romana por Valdeorras ten deixado restos importantes, como o impresionante tramo de montaña conservado no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) ou a Ponte da Cigarrosa, sobre o río Sil entre A Rúa e Petín.

Pero ata o de agora, non se tiña confirmado a existencia de ningún miliario (pedras de forma cilíndrica que marcaban a distancia nesta estrada romana) na Via Nova ao seu paso pola comarca, cuxa atribución se puidera comprobar pola inscrición. A única referencia existente era o miliario ao que aludía Barros Sibelo na zona Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), pero que nunca se chegou a localizar. Tamén hai que matizar que hai uns anos apareceu outro miliario no xacemento romano da Proba (O Barco), pero sen ningún tipo de inscrición.

Por iso é de suma importancia para Valdeorras a descuberta que se facía hai uns meses nas proximidades da Ponte da Cigarrosa. E ademais un miliario con inscrición, o que lle engade máis valor documental á peza.

Tras procederse á súa restauración, este miliario xa está situado á beira desta ponte de orixe romana, no lado petinés, moi preto do que podería ser o seu emprazamento primitivo. A súa inauguración podería ser inminente. E nela daranse a coñecer máis detalles da importancia arqueolóxica e documental deste fito que segundo os expertos “vai ter moita enxundia”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button