EntrevistasÚltima hora

“Atoparme coa cámara é algo que sempre me gusta”

O actor barquense Christian Escuredo encarnará a Tati na nova serie “Fariña”, de Antena 3

 

O actor Christian Escuredo./ Foto: Chesco López.

 

Entre o teatro e a televisión móvese agora o actor barquense Christian Escuredo. A finais de agosto incorporábase en Galicia á rodaxe da serie de Antena 3 “Fariña”, que afonda no narcotráfico galego e na que terá como compañeiros a rostros tan coñecidos como os de Tristán Ulloa, Carlos Blanco, Morris ou Javier Rey. Ao mesmo tempo, vén de iniciar a cuarta tempada do musical “Priscilla. Reina del desierto”, que continúa a súa xira pola xeografía española.

 

Despois de tanto tempo centrado en “Priscilla”, volve á tele da man da produtora Bambú…

É a primeira vez que traballo con eles e tiña moitas ganas de facelo porque é unha das produtoras máis potentes que temos non só a nivel nacional, senón tamén internacional porque están abrindo moitas portas cara fóra. Están presentes en novas plataformas como Netflix ou HBO, de feito tiveron moito éxito con series como “Velvet” ou “Las chicas del cable”. Aínda que continuo en “Priscilla”, gústame o proxecto e apetecíame moito un cambio de rexistro e tamén facer tele, atoparme coa cámara é algo que sempre me gusta, sen desmerecer ao teatro porque tamén me apaixoa o directo.

“Fariña” está baseada en feitos reais e que marcaron a historia recente de Galicia…

Si, moitas veces cóntanse historias reais pero que teñen un pouso como moi pasado e isto está recente, de feito as noticias seguen falando destes sucesos. Básease no ensaio xornalístico de Nacho Carretero do mesmo nome, “Fariña”, e moitos dos personaxes deste libro e da serie son reais e manteñen os mesmos nomes, en especial, no caso dos protagonistas: Sito Miñanco, Oubiña, o clan dos Charlíns… están vivos e identificados. Outros personaxes en cambio son ficción. O tema do narcotráfico segue moi de actualidade sobre todo cos narcos de Colombia, pero en Galicia tamén tiveron moito protagonismo. Na serie cóntase como pasan do estraperlo de tabaco á cocaína, e xustamente Galicia era a entrada fundamental para o reparto en Europa. E logo está o tema político que envolvía todo iso… É unha historia que merece ser contada e a min, como galego, estar nun proxecto onde se conta unha historia da túa terra, que nos marca a todos, pois apetéceme moito.

¿Como é o seu personaxe, Tati, e que lugar ocupa no conxunto da trama?

Sito Miñanco tiña moita relación co Fútbol Club do Cambados e eu represento un pouco a estes futbolistas e ao pobo de Cambados. O meu personaxe é un futbolista dese club e ten unha relación co clan de Sito que se verá en varios capítulos da serie. “Fariña” nesta primeira tempada é un retrato do que foi a etapa dende finais dos 70 ata os 90. E iso focalízase moito no carácter dos personaxes. No caso do meu, vaise ver o tema impulsivo, o carácter…

¿Será un notable cambio con respecto ao papel de Adam/Felicia en “Priscilla”?

¡Moito! De feito para min supón un reto. Pero, sobre todo, será un cambio de chip á hora de estar compaxinando dous proxectos tan diferentes.

Ademais “Priscilla” segue de xira por España…

Si, ata o 10 de setembro estaremos en Bilbao e logo continuaremos por diferentes cidades españolas ata febreiro.

 

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button