EconomíaEconomíaÚltima hora

Atópase no Barco o primeiro niño primario de velutina en Valdeorras

Estaba na urbanización As Hortas, nunha das entradas á localidade barquense, e nesta actuación interviña Protección Civil do Bolo

Temíase que ía chegar pronto, pero agora xa é unha realidade. Na tarde do 28 de abril localizábase un niño primario de Vespa velutina en Valdeorras, en concreto, na urbanización As Hortas do Barco. Interviña Protección Civil de O Bolo para neutralizalo e tamén acudía ata ese lugar o GES Valdeorras e o presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez.

Trátase do primeiro niño primario de velutina que se atopa na comarca de Valdeorras, onde si se tiñan localizado exemplares adultos desta vespa invasora. Os expertos destacan a importancia de trampear en primavera como o mellor xeito de facerlle fronte a esta avespa, xa que é algo fácil de facer, rápido, que require pouca inversión e moi efectivo.

A velutina é unha especie diurna cun ciclo biolóxico anual, que acada a súa maior actividade no verán. Durante o inverno as raíñas fecundadas hibernan en lugares protexidos como ocos das árbores e rochas, pero tamén en galpóns, porches ou garaxes.

 

Imaxe da raíña no niño primario localizado no Barco./ Foto cedida.

 

Na primavera abandonan ese lugar e inician a construción do niño primario en abril ou maio. Nel fan unha pequena posta de ovos dos que saen avespas obreiras. Este é o tipo de niño atopado no Barco e a raíña xa tiña nel cinco ovos.

Entre xuño e xullo todas as raíñas acostuman moverse a un segundo niño, denominado secundario, a maior altura. Dende ese momento, a raíña adicarase á posta de ovos e o crecemento da colonia será exponencial. O niño irá aumentando ata chegar ao outono, momento no que terá o seu maior tamaño. Entre setembro e outubro nacerán novas raíñas, que iniciarán un novo ciclo.

Retirada de niños

Na retirada de niños primarios de velutina é moi importante a colaboración cidadá. Por iso recoméndase revisar galpóns, porches, garaxes e aleiros de tellados, lugares habituais onde crean os niños as raíñas destas avespas. Os niños son de cor marrón pardo e por cada un que se retire evítanse 50 niños no ano seguinte. Para a retirada dos niños hai que chamar ao 012 ou ao 112.

Fotos da galería: Carlos G. Hervella.

 

Un dos momentos da intervención para neutralizar á raíña./ Foto cedida.

 

O niño primario xa baleiro, que se deixa así para futuras revisión, xa que podería volver ser ocupado por outra raíña. /Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button