CulturaCultura

O Auditorio de Verín acolle o vindeiro 24 de novembro a obra “Raclette”

Ideada para un público adulto, as entradas son de balde e xa están á venda no despacho de billetes do Auditorio

O vindeiro venres 24 de novembro, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal de Verín acolle a representación da obra de teatro “Raclette” da compañía Ibuprofeno Teatro. Esta obra está pensada para un público adulto e a entrada é completamente de balde.

As entradas para a obra están xa dispoñibles, a partir de hoxe, 13 de novembro, no Auditorio Municipal de Verín.

“Raclette” inaugura unha nova etapa da compañía Ibuprofeno Teatro, na que asume producións de gran formato con elencos máis numerosos, caracterizadas polo rigor da posta en escena, no traballo actoral e na concepción dos textos e dos procesos de creación, baseados na obra dramatúrxica de Santiago Cortegoso.

A “Raclette” é unha maneira para comer en comunidade inventada polos pastores suízos que, para escorrentar o frío e a soidade da montaña, reuníanse ao redor dunha pedra quentada ao lume para ir cociñando nela, a medida que comían, queixo, carne e verduras.

Esta Raclette urbana e contemporánea une, durante unha cea, dúas tramas que aparentemente non teñen relación, pero que se entrelazan para acabar contando unha historia terrible que trata temas universais como a morte, a parella, a maternidade, a cobiza, a culpa e a violencia.

Os cinco personaxes conforman un complexo mosaico humano: un choque entre visións do mundo que se volven incompatibles, pero que han de convivir a pesar das diferenzas. Son cinco persoas que están a pasar por momentos cruciais nas súas vidas, momentos de cambios, de inestabilidade, marcados por acontecementos que deixarán pegadas profundas para o resto da súa existencia. Son cinco universos que reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora aos seus integrantes.

Artigos relacionados

Back to top button