OurenseÚltima hora

O Auditorio ofertará unha vintena de espectáculos infantís ata decembro

A oferta vai dende teatro para bebés, monicreques, musicais, circo ou óperas infantís e arrancan a partires do vindeiro venres 1 de setembro
Jesús Vázquez, Marisol Díaz, Belén Iglesias e Jacobo Sutil. // Foto: Carlos Asensio.

O Auditorio de Ourense vén de presentar a súa programación para os máis cativos. Unha oferta de 21 espectáculos “que contribuirán a crear novos e futuros espectadores”, indicou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, na presentación de hoxe, 28 de agosto.

Así, tanto os bebés coma os máis cativos da casa teñen unha cita cada venres e domingo con “teatro, circo, danza, monicreques, musicais e mesmo unha ópera infantil”, sinalou Vázquez.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, apuntou que a programación deste segundo semestre de 2017 “está pensada para que contribúa ao desenvolvemento creativo e a formación dos máis pequenos da casa” xa que o teatro para bebés, por exemplo, “é interactivo”.

Pola súa banda, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, louvou o traballo da concellería e asegurou que “o público infantil é o máis difícil, xa que se algo non lle gusta o van dicir”. E uniuse a Vázquez cando asegurou que “hai que incentivar a cultura entre os máis pequenos porque serán futuros espectadores”.

A partires do vindeiro venres, 1 de setembro, os espectáculos para os cativos arrancarán no Auditorio e, para que sexa máis económico para as familias, existe un abonamento á carta no que se poden mercar 5 entradas cun desconto do 20%. As entradas pódense adquirir no sitio web de Ataquilla e na sala de Afundación na Praza Maior de Ourense. Asemade, o despacho de billetes o Auditorio estará aberto dúas horas antes de cada espectáculo para poder mercar entradas.

Máis información sobre os espectáculos no vindeiro número do mes de setembro do Xornal O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button