CulturaCulturaÚltima hora

Augas do Sil de San Clodio abrirá as X Xornadas de Teatro da Rúa

O programa estenderase do 3 de novembro ao 1 de decembro no Centro Cultural Avenida

O grupo de teatro Augas do Sil de San Clodio, nunha edición anterior das xornadas da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Con certo retraso con respecto ao ano pasado, as X Xornadas de Teatro da Rúa, organizadas pola Asociación Cultural A Ruada, botarán a andar o vindeiro 3 de novembro cun programa que inclúe actuación de cinco grupos de teatro afeccionado e que se estenderá ata o 1 de decembro. As funcións serán todas en domingo, ás 18h. no Centro Cultural Avenida.

Os encargados de subir o pano o vindeiro domingo día 3 serán Augas do Sil, grupo de teatro de San Clodio (Lugo) que presentará a obra 6 príncipes para una princesa. Os seguintes en subir ao escenario rues, o 10 de novembro, serán os membros de Candea que porán en escena a súa obra Axencia matrimonial media laranxa.

O seguinte domingo, 17 de novembro, tocaralle o turno a TEF (Teatro Experimental Flaviense) de Chaves (Portugal) que representará A fantástica caixa máxica. Ese día a función será benéfica, a favor da AECC Valdeorras. E así chegaremos ao 24 de novembro coa presentación nas xornadas do grupo de Verín Namarella Teatro coa súa obra O baño.

Non podía ser doutro xeito e coma sempre será A Ruada, organizador do evento, o grupo encargado de pechar esta X edición das xornadas. Será o 1 de decembro coa posta en escena da obra O cantar do estudiante.

 

Artigos relacionados

Back to top button