DeportesÚltima hora

As augas do Sil bátense no Barco coa II Travesía a Nado de Valdeorras

Unha quincena de participantes percorre os 350 metros da proba popular que organiza o clube Adas Natación

A II Travesía a Nado de Valdeorras arrincaba na mañá do sábado 20 de agosto cunha carreira popular celebrada no Barco de Valdeorras. Contou coa participación dunha quincena de persoas de todas as idades, que percorreron uns 350 metros dende as proximidades da pasarela peonil que une a vila barquense con Viloira e até a zona do casino, no paseo do Malecón.

Decenas de curiosos achegáronse até o lugar para animar aos valentes nadadores, que pese a que o día amenceu fresco, non dubidaron en bater as augas do Sil. A proba non era puntuable pero tivo dous claros gañadores: Juan Carlos Domínguez e Carla Simón, dous rapaces que chegaron á liña de meta con clara vantaxe sobre o resto do grupo. Sen embargo, houbo final feliz para todos, pois o clube organizador -Adas Natación- agasallou aos participantes con lambetadas e bebida.

Pola tarde, a proba será competitiva. Así, a II travesía a Nado de Valdeorras pechará de novo o XIII Circuíto Galego de Augas Abertas con dúas carreiras de distintas distancias: unha de 2.525 m, e a máis longa, de 5.050 m. Sairán ás 17 horas das proximidades das piscinas de Vilamartín.

Fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button