A aula municipal de cociña do Concello de Ourense (situada na rúa Vasco da Ponte, 1), acolle dende hoxe, 3 de abril, ata o próximo día 21, a “Semana do Mar de Ourense”, conformada por un programa de actividades que teñen como finalidade promocionar e dar a coñecer a calidade dos produtos galegos do mar.
Esta iniciativa, organizada pola Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, está dirixida a restauradores, peixeiros e consumidores en xeral, así como a escolares de Educación Primaria, con actividades específicas para eles. As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico semanasdomardeourense@gmail.com.
Cociñeiros de prestixio como Flavio Morganti, Emma Pinal e Héctor López realizarán showcookings, onde se servirán tapas degustación.
Tamén haberá obradoiros dirixidos a nenos de Primaria e, como novidade nesta edición, escolares de dous centros educativos participarán nunha excursión “O sabor da aventura está no mar”, na que visitarán a Lonxa de Canido e o Museo do Mar.
As actividades comezarán mañá, luns, ás 18:00 horas, coa charla coloquio “Do mar ao prato, manipulación e limpeza do peixe”, de Ardora Formación e Escenoset, e un showcooking de Flavio Morganti, do restaurante Galileo. Serviranse 3 tapas degustación de produtos do mar.