EntrevistasÚltima hora

Aulas de verán en Valdeorras

Elvira e Laura Fernández, nai e filla, poñen en marcha InCrescendo, un proxecto piloto baseado na educación emocional
Elvira Fernández e Laura Fernández, na redacción do Periódico O Sil.
Elvira Fernández e Laura Fernández, na redacción do Periódico O Sil.

Con apenas 34 anos Laura Fernández ten unha ampla bagaxe cultural. Traballa no mundo do cinema e a súa formación en Traducción e Interpretación levouna a vivir en diferentes partes do mundo, empapándose do mellor de cada lugar. Das súas experiencias e inquedanzas nacía a idea dun proxecto baseado na educación emocional no que involucrou á súa nai, Elvira Fernández, quen na súa etapa formativa decantouse pola rama da docencia (Maxisterio e mestrado en E. Infantil). Agora, xuntas forman InCrescendo Colectivo, unha entidade valdeorresa sen ánimo de lucro que organiza Aulas de Verán, espazos creativos para aprender no tempo de lecer, na Rúa e no Barco.

¿Que é InCrescendo Colectivo? ¿Como xurde o proxecto?
É unha experiencia piloto. Se funcionase fariamos unha aula ao longo do ano para ofrecer clases extraescolares baseadas na educación emocional. Entendemos que as persoas poden evolucionar ao longo da vida á marxe do que marcan os cánones académicos e entre todos enriquecémonos. A idea nace como froito das experiencias adquiridas fóra porque cando tomas certa perspectiva é cando empezas a comparar e Valdeorras é unha terra moi rica cun entorno moi favorable para criarse e ter certa calidade de vida pero falta algo no aspecto educativo. De feito os adolescentes teñen acceso practicamente ás mesmas actividades extraescolares de hai vinte anos cando non existía Internet. No meu percorrido fóra de casa tamén me decatei da falta de confianza en min mesma ao atoparme con xente dunha bagaxe cultural e económica moi distinta. A parte psicolóxica e a falta de oportunidades leváronme a pensar en aproveitar o tempo de lecer da mocidade para abrirlles fiestras moi diversas para acceder a coñecementos, que non teñen porque ser tediosos. O principio de InCrescendo é poñer en marcha pequenos proxectos a curto prazo onde todo o mundo se implique e poda ver os resultados, fomentando ademais as relacións interxeracionais. Con poucos recursos busco eficiencia, enriquecendo a experiencia que non ten porque estar restrinxida a adolescentes porque todos temos algo que aportar e aprender. As bases son o entusiasmo, a curiosidade e o optimismo.

E para logralo puxeron en marcha a Aula de Verán cun enfoque multidisciplinar.
Temos un programa que tenta recoller varios aspectos (idiomas, manualidades, novas tecnoloxías, medioambiente,…) de maneira superficial, porque a duración é de unha ou dúas semanas, pero creo moito no enfoque transversal. Podes estar practicando inglés ao tempo que te autocoñeces ou fas algo de arte. Podes favorecer a inclusión social e tratar temas de medio ambiente. Ademais actualmente vémonos obrigados a tocar diferentes paus constantemente e nun día ao mellor tes que facer un presuposto, redactar un informe e enviar un e-mail en inglés. Trátase de familiarizar aos adolescentes cunha forma de vida que penso que lles vai ser de moita utilidade.

¿E como funcionará esta aula?
Ao longo dunha semana no caso do Barco e de dúas na Rúa, tentaremos formar equipos para que os rapaces se corresponsabilicen coas tarefas que implica un obradoiro destas características. Penso que ten que ser participativo entón haberá grupos de xente que se encargue de diferentes aspectos segundo as súas habilidades (buscar material, as redes sociais, o making off en fotos, cartaces,…) Tentaremos que todos os perfís encaixen. Todos aportamos, independentemente da tarefa que nos guste ou que nos toque facer. Tamén contaremos coa colaboración de profesionais recoñecidos de diferentes ámbitos (pintura, música,…) para diversificar. En pouco tempo ofreceremos moitas experiencias de forma máis ou menos harmónica.

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do mes de xullo do Periódico O Sil.
Texto: Mónica G. Bellver/ Foto: Carlos G. Hervella.

Máis información no perfil de Facebook do colectivo: https://www.facebook.com/increscendo.colectivo/?fref=ts

Artigos relacionados

Back to top button