DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Aumenta a participación no campionato de petanca das Festas do Cristo

A tripleta de Valdeorras facíase co primeiro premio. Segunda era a de Fabero e terceira a de Villafranca

 

Pouco a pouco a afección pola petanca vaise estendendo por Valdeorras. E unha proba témola no aumento de participación no II campionato das Festas do Cristo que se celebraban na tarde do 13 de setembro nas pistas do Chao, no Barco.

Alí se reunían nesta ocasión un total de trece tripletas (equipos formados por tres xogadores cada un): cinco de Valdeorras, cinco de Fabero, dúas de Villafranca e unha mixta (dous xogadores de Fabero e un do Barco) que disputaron o torneo nos tres campos cos que conta o Club Petanca Valdeorras, organizador do evento.

Os 39 xogadores disputaron as sucesivas partidas ao longo de máis de tres horas, seguidas por numerosos afeccionados que animaban na Finca do Chao ata a entrega dos trofeos aos nove gañadores (tres por cada tripleta). A tripleta de Valdeorras formada por Bienvenido, Pepe e Gabriel lograban o primeiro premio (tres xamóns); o segundo era para a de Fabero; e o terceiro para a de Villafranca.

 

A placa que Virginia lle entregou a Ángel. /Foto cedida.

 

No momento da entrega de premios tiña tamén lugar a sorpresa da tarde. Unha compoñente do club, Virginia, entregaba, por iniciativa propia, sendas placas a Gabriel e Ángel como os fundadores das pistas de petanca da Urbanización O Chao. “Foron as primeiras persoas que vin traballar nos campos da petanca e isto existe grazas a eles”, aseguraba emocionada ao tempo que preparba as mesas coa comida para a merenda que desfrutaban os participantes, no local que a asociación ten na Casa do Chao, cedido polo Concello do Barco.

Fotos: Mónica G. Bellver excepto as tres últimas da galería que son cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button