OurenseÚltima hora

“AURA 1964”, de Ignacio Vilar, primeiro guión de cine nas librerías antes de rodar a película

A presentación será mañá ás 20 horas no Salón Noble do Liceo de Ourense

 

Mañá, venres 12 de novembro, celebrarase, ás 20h. no Saón Noble do Liceo de Ourense a presentación de Aura 1964, de Ignacio Vilar que estará acompañado polos actores Rubén Riós e Laura Míguez Escudero.

Con este título a editorial Galaxia inaugura no seu catálogo a colección Guión na que aposta pola publicación de textos escritos para o cine, neste caso a favor da memoria histórica co guión da nova película do director petinés, un proxecto apoiado polo Creative Europe Media (programa deseñado para o apoio do cinema europeo).

As lectoras e lectores poderán ler o guión cinematográfico antes de asistir á estrea da película. Unha novidade sen precedentes, xa que esta é a primeira vez que se publica en España, antes o guión do filme que a estrea en cines.

O cineasta Vilar, que xa nos ten acostumados a éxitos como A esmorga (2014, producida tamén por Editorial Galaxia), baseada na novela de Eduardo Blanco Amor, primeira longametraxe rodada en galego e nominada aos Premios Goya ao Mellor Guión Adaptado, e premiada no XXFestival du Cinéma Espagnol de Toulouse ao Mellor Director (ad hoc), Mellor Interpretación Masculina e Mellor Fotografía, non dubidou en dar o paso e compartir con todas e todos este fabuloso guión.

 

Ignacio Vilar na premier do seu último filme María Solinha./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Ningún ditado pode sufocar a sede de liberdade dun neno”. Esta é a frase que enmarca a portada do título; toda unha declaración de intencións do cineasta que, a través destas páxinas, achéganos a unha realidade marcada polo adoutrinamento, a mentira e a aldraxe da dignifidade en nome de Deus e da patria fascista. España, 1964. Un ano no que a ditadura celebra os seus “25 años de paz” baixo o réxime franquista.

A través dos seus ollos e vivencias, Siro, o protagonista, amosará como era o ambiente da época, opresiva e abafante, na que a sociedade se viu obligada a subsistir. Unha situación á que, a través da rebelión, o mozo e os seus amigos Cosme e Berto, despregarán a súa maxia adolescente vivindo momentos de iniciación e descubertas, nunha búsqueda constante da liberdade.

Unha maneira completamente distinta de acceder á historia, xa que un guión non se le da mesma maneira ca outros libros. As lectoras terán que construír a película a través da palabra e a propia imaxinación, coas súas cores e imaxes.

Artigos relacionados

Back to top button