ConcellosO BarcoÚltima hora

Áurea Gómez Lorenzo, unha vida dedicada á hostalaría en Valdeorras

Esta veciña do Barco, que estivo ao fronte do Bar Suave moitos anos, falecía este mércores 16 de setembro

Áurea Gómez./ Foto cedida.

 

Era unha persoa á que lle encantaba falar e relacionarse coa xente. Áurea Gómez Lorenzo, natural do Real (Rubiá), pasou boa parte da súa vida atendendo ao público detrás dun mostrador. Primeiro na súa localidade natal, onde tras casar con Ramón Moldes, abría xunto ao el unha cantina, que era tamén ultramarinos. Despois, alá por finais dos anos 60, trasladábanse, xunto ao seu único fillo Arsenio, ao Barco, onde se asentaría para sempre.

Nesta vila collían un local situado na zona vella, que fora anteriormente almacén de castañas, e nel montaban o Bar Suave. Áurea Gómez poñíase á fronte do negocio e abríao cada mañá ás 6.30h. Nel tamén vendía prensa galega e mesmo da veciña comarca do Bierzo. Era un local moi concorrido, no que paraban os land rovers antes de subir ás canteiras e tamén o coche de liña, e nunha época na que se servían máis chatos de licor café que cafés.  Áurea coñecía moi ben aos seus clientes e cando entraban pola porta xa sabía exactamente a consumición ía pedir cada un. E, despois de xubilarse, seguíu mantendo contacto con moitos deles.

Neste 16 de setembro esta valdeorresa de 93 anos, e que o día 28 deste mes cumpriría 94, falecía. A súa capela ardente está no Tanatorio Santa Rita do Barco. O seu funeral está previsto para mañá 17 de setembro ás 16:30h. na Igrexa de Santa Rita. Alí, a súa familia, amigos e coñecidos daranlle o seu último adeus.

Artigos relacionados

Back to top button