PolíticaÚltima hora

Aurentino Alonso: “O Hospital Comarcal de Valdeorras está na UCI”

O PSdeG-PSOE valdeorrés vén de manifestar a súa "fonda preocupación pola situación de deterioro, cada vez máis palpable" deste centro sanitario

 

Xunto á entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco, diferentes representantes do PSdeG-PSOE da comarca ofrecían unha rolda de prensa na que amosaban a súa “fonda preocupación pola situación de deterioro, cada vez máis palpable no que se atopa” este centro hospitalario. Nesta comparecencia participaban o deputado provincial, Aurentino Alonso; o concelleiro socialista no Barco, Orlando Saavedra, alcaldes socialistas da comarca como o do Barco ou de Vilamartín, ademais do senador socialista por Ourense, Miguel Bautista, entre outros representantes.

Os socialistas incidían en que o “o Hospital Comarcal de Valdeorras está na UCI” e tamén en que, “pese ás promesas e xustificacións por parte da Consellería de Sanidade e da dirección de área de Ourense, estase a constatar que a situación cada día que pasa faise máis insostible. Séguese a mandar a UCI móbil dende Ourense cada vez con máis asiduidade e tamén, cada vez con máis demoras, o que implica poñer en risco a vida dos pacientes que se teñen que trasladar”.

Neste senso, o deputado provincial Aurentino Alonso, exemplificaba a situación cun caso acontecido onte. ” Ás 11h. ingresou unha paciente cunha picada e cun shock anafiláctico, os médicos entenderon que debería ser trasladada urxentemente a Ourense, pero ese traslado urxente produciuse ás catro e media da tarde, é dicir, cinco horas e media despois. E todo porque a UCI móbil non estaba en Valdeorras, é dicir, está o que é o vehículo, pero faltaba o médico acompañante, polo tanto ten que vir dende Ourense ese médico ata Valdeorras, recoller ao paciente e levalo outra ao centro a onde haxa que derivalo. Este é un exemplo, pero hai máis casos que se poden ver e verificar, toda esta información fóisenos subministrando dende o hospital. E esta situación pódenos pasar en calquera momento a calquera de nós e nunha desas pode acontecer unha desgraza”, resaltaba.

 

O deputado provincial socialista Aurentino Alonso, na rolda de prensa.

 

Os socialistas facían fincapé na fonda preocupación que vive a sociedade de Valdeorras ante esta situación e “o único que lle esiximos a Feijóo é que resolva isto inmediatamente, os valdeorreses non somos cidadáns de segunda, somos cidadáns igual que os da capital e igual que os da calquera outra comarca de Galicia e, polo tanto, merecemos o mesmo trato. E ese trato é que dispoñamos aquí dese vehículo de UCI móbil en condicións, co persoal axeitado e que no momento no que o persoal sanitario, que é o que toma as decisións, decida que hai que facer un traslado, ese traslado terá que ser feito nese momento”.

Orlando Saavedra: “A dirección de área debe negociar”

Na rolda de prensa tamén tomaba a palabra o concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, quen apuntaba que “o persoal facultativo, de enfermería e sanitario en xeral do hospital está tendo un estrés progresivo, porque todo isto non é que suceda unha vez, sucede unha e outra vez, e, desta forma, loxicamente pérdese a calidade da atención e corremos risco de ter algunha desgraza nalgún momento”.

 

O concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra.

 

Saavedra sinalaba tamén que “o hospital non pode seguir funcionando así, a dirección de área, a consellería, a Xunta debe negociar porque hai médicos en Valdeorras que están dispostos a asumir os traslados pero parece que é un problema de negociación”. E enmarca esta situación no “deterioro xeral do HPV. “Iso chámase falta de resolución do hospital, que vai tendo cada vez menos profesionais, iso supón que hai máis traslados, que se necesitan máis ambulancias, pero as ambulancias que temos aquí son as que son, e se saen 2 ou 3 ambulancias en menos de 2 horas cara Ourense, pois non pode haber máis, porque debe haber un mínimo de ambulancias por se se produce unha emerxencia e teñen que mobilizarse. E isto crea un estrés e situacións de trasladar ata 2 pacientes nunha ambulancia, chegamos a esa situación e parece que non hai preocupación na dirección”.

Finalmente, os socialistas destacaban que as competencias sanitarias están en mans da Xunta “e son eles os que teñen que dar unha solución. Valdeorras deulle o voto e a confianza ao PP para que formara goberno, pero abandonou á poboación”. Tamén adiantaban que se presentarán iniciativas para demandar solucións a estas cuestións tanto a Deputación provincial como no Parlamento galego.

Artigos relacionados

Back to top button