ConcellosÚltima hora

Ausencia de autoridades do Goberno galego na Feira do Viño valdeorresa

O alcalde do Barco pedíalle ao Xefe Territorial de Medio Rural en Ourense que lle transmita ao presidente da Xunta de Galicia que na “vindeira Feira do Viño queremos velo aquí, apoiando aos adegueiros”
O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras e o alcalde do Barco, xunto ao Xefe Territorial da Cosnellería do Medio Rural en Ourense.
O presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras e o alcalde do Barco, xunto ao Xefe Territorial da Cosnellería do Medio Rural en Ourense.

Chove sobre mollado, como se di popularmente. Un ano máis a Feira do Viño de Valdeorras continúa case orfa de representantes do goberno galego, a diferenza do que sucede noutros certames de denominacións de orixe galegas. E iso que Valdeorras é, tras o Ribeiro, a segunda denominación en crearse en Galicia e unha das máis antigas do Estado español.

Xa non é que no acto inaugural da mostra non participe dende hai tres anos ningún conselleiro (no 2011 o titular da consellería de Medio Rural era Samuel Juárez). É que ademais nesta dezasete edición do certame nin sequera se contou, como en ocasións anteriores, con directores ou secretarios xerais (o ano pasado acudía o secretario xeral de Medio Rural), nin co delegado territorial da Xunta en Galicia, Rogelio Martínez. Desta volta o representante da Administración autonómica foi o Xefe Territorial da Consellería do Medio Rural. E a única deputada do Parlamento de Galicia asistente ao acto foi Carmen Acuña.

En cambio, a representación do goberno galego é bastante habitual nas outras denominacións de orixe galegas. É o caso do Ribeiro, onde por exemplo, á súa feira do viño acudían o pasado mes de maio o secretario xeral de Medio Rural e a directora de Turismo de Galicia e no caso da entrega dos premios desta D.O. a finais de xuño contábase, entre outras autoridades, co presidente da Xunta de Galicia. Tamén se puido ver recentemente ao presidente da Xunta na inauguración dunha adega en Castrelo de Miño. Asemade a directora de Turismo de Galicia participaba nos actos inaugurais dos Trens dos Viñedos en zonas como Ourense, Ribeiro, Monterrei ou Ribeira Sacra.

Esta presenza neses lugares, como debe ser, é algo lóxico e normal e con ela o goberno galego amosa o seu respaldo ao sector vitivinícola, pero entón a pregunta é ¿por que en Valdeorras non? ¿é que os viños valdeorreses, de sona internacional, non son de interese para a Xunta? ¿é que non se valora o traballo do sector do viño valdeorrés? E se realmente, o goberno galego ten en conta e respalda ao sector valdeorrés, ¿por que iso non se manifesta publicamente e se fai visible coa asistencia de máis representantes institucionais autonómicos en actos de relevancia desta D.O. como a súa Feira do Viño?

Desta demanda facíase eco no acto inaugural do certame valdeorrés o alcalde do Barco, Alfredo García. Durante a súa intervención trasladáballe “unha petición encarecida” ao Xefe Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense, única autoridade do goberno galego presente no acto. ”Queremos e agradecémoslle a súa visita”, sinalaba o rexidor, “pero tamén queremos que traslade que na vindeira Feira do Viño de Valdeorras queremos ver ao presidente da Xunta aquí, apoiando aos adegueiros, aos viticultores, aos traballadores. Sabemos que todo o sector ten o apoio da Xunta, sabémolo por todos os apoios que ten día a día, pero ás veces tamén a xente quere ver ese apoio real, quere velo coa presenza que é importante”.

Foto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button