Eleccións Xerais 26-XPolíticaÚltima hora

“A autovía A-76 vertebrará a provincia, por iso para nós é un obxectivo”

Rocío de Frutos, número un pola provincia de Ourense do partido socialista ao Congreso dos Deputados
A candidata socialista por Ourense ao Congreso, Rocío de Frutos./ Foto: Carlos G. Hervella.
A candidata socialista por Ourense ao Congreso, Rocío de Frutos./ Foto: Carlos G. Hervella.

Ao redor da lousa xiraba unha das primeiras proposicións non de lei que a deputada socialista Rocío de Frutos impulsaba no Congreso na breve lexislatura que vén de concluír. En concreto, lograba que se recoñecese a incapacidade permanente para a silicose de grao un na lousa. Sen embargo, o remate da lexislatura poñía fin ao percorrido deste acordo. Aínda así, de Frutos, que repite como cabeza de lista por Ourense do PSdeG-PSOE, amósase contenta co logrado e confía en poder seguir adiante con esa iniciativa tras as eleccións do vindeiro 26 de xuño. De feito, era unha das peticións que lle facían novamente os sindicatos na visita que realizaba ao Barco o 14 de xuño. Sobre esta segunda campaña que afronta agora como candidata di que lle gustaría que “se falase máis de programas reais, porque eu creo nos programas, e o noso é moi bo, social e realista”.

¿Como valora os seis meses da última lexislatura no Congreso?

Vívino con intensidade, traballouse moito e plantexáronse moitas iniciativas e penso que quedaron ben patentes as diferenzas entre uns partidos e outros á hora de afrontar un goberno e tamén cal é a posición do PSOE en relación a determinadas políticas de emprego, das personas, da sanidade, da educación, etc. E aínda que din non serviu para nada, cando menos permitíu que o PP, por unha vez en catro anos, non puidese implantar determinadas cuestións como quixese. Paralizáronselle algunhas iniciativas que plantexaban como a do mínimo exento. Tamén o vivín con moita pena porque sempre pensei que ao final se podería chegar a un acordo, pero aquí estamos agora afrontando unhas novas eleccións.

Un dos sectores produtivos de referencia no rural ourensán son as súas denominacións de orixe, entre elas as catro vitivinícolas, ¿que postura ten o PSOE con respecto a acordos que poden afectarlles como é o caso do TTIP? ¿que plantexamentos teñen sobre o futuro do sector agrario tan importante para a provincia?

Nós xamais imos asinar o Tratado de Libre Comercio cando baixe os stándares europeos de seguridade, de garantía alimentaria, de garantías á comercialización, nunca… Iso levámolo no noso programa. Neste tema pedimos dúas cousas. Unha é a transparencia nas negociacións, que ata o de agora non houbo. E, ademais, que os estándares comunitarios en materia laboral, en materia de seguridade alimentaria, de seguridade no produto, non poden rebaixarse de ningunha das maneiras. A parte disto, creo que hai outras cuestións importantes como é a de estabilizar os prezos. Neste senso, xa presentamos unha proposta non de lei polo tema do prezo do leite e da uva. Ademais está a cuestión da incorporación dos mozos ao agro. Dicía o outro día Pilar Cancela, e eu estou moi darcordo, que a agricultura non pode ser o que non quere ninguén, hai que poñela en valor para que sexa unha saída profesional para os nosos xoves. E iso tamén a través da innovación, do desenvolvemento, da profesionalización, e da educación, con módulos de formación profesional relacionados co sector vitivinícola. Outra cousa que me parece moi importante é ir axustando este sector ao turismo. Dentro da oferta turística da provincia está o termalismo, o medio ambiente, o patrimonio e a arte, o senderismo… hai que incluír tamén ao sector vitivinícola nese paquete.

 

Rocío de Frutos, na visita que realizaba o 13 de xuño ao Barco e na que se reunía con sindicatos, empresarios e con represenantes da D.O. Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.
Rocío de Frutos, na visita que realizaba o 13 de xuño ao Barco e na que se reunía con sindicatos, empresarios e con represenantes da D.O. Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Ese sería, polo tanto, un xeito de frear o abandono do rural?

Si, iso é fundamental para atallar a despoboación, o abandono e lograr así o relevo xeracional. Habería que poñer en valor a agricultura para que sexa un orgullo adicarse a ela, ser agricultor debería ser tan importante como ser enxeñeiro. Nós levamos ademais no noso programa o estatuto do traballo agrícola. E, ao mesmo tempo, como dicía antes, é necesario controlar os prezos e desenvolver a formación relacionada con áreas como a do viño. Paréceme un mundo que ten moitas posibilidades, non pode ser que a agricultura sexa a cinsenta, e no Congreso tratarei de que cambiar iso.

 

¿Como se plantexa no programa socialista o futuro de sectores extractivos como é o caso da lousa en Valdeorras?
O tema da lousa resulta complexo porque é un medio de vida fundamental para toda esta zona, xa non só pola lousa en si, senón pola industria que xera ao seu redor, pero por outra banda esa actividade ten un efecto medioambiental importante. Hai uns días outra forza política comentaba que na lousa hai unha especie de hiperexplotación, pero o que hai que recoñecerlle á lousa é que mellorou moito dende o punto de vista laboral e preventivo e igual que o fixo neses ámbitos, algo que antes parecía imposible, tamén terá que ilo facendo no medioambiental. Dado que é un sector estratéxico, haberá que tratar de potencialo a través da investigación e do desenvolvemento, con novos procesos, tendo en conta o tema medioambiental. Durante estes últimos catro anos do goberno do PP en España investiuse un 25% menos en investigación e innovación, algo que creo que é moi necesario e niso estaremos.

Rocío de Frutos resalta que o programa do PSOE é "social e realista"./ Foto: Carlos G. Hervella.
Rocío de Frutos resalta que o programa do PSOE é “social e realista”./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

¿Cal é a postura do seu partido con respecto á autovía A-76?
Somos partidarios de continuar co proxecto porque vertebra á provincia, únenos coa Meseta, con Ourense e coa provincia de Lugo. Tamén entendo que o medio ambiente debe ser protexido, tendo en conta as características especiais e paisaxísticas das zonas de Ourense e Lugo polas que pasará, pero actualmente contamos con innovacións técnicas, arquitectónicas e construtivas suficientes. Outra cuestión é que estamos nun momento no que hai moitísimas necesidades que atender, pero para nós a A-76 é un obxectivo porque vertebra a provincia.

Artigos relacionados

Back to top button