Eleccións municipaisPolíticaÚltima hora

AV, o BNG e o PSOE de Vilamartín únense para criticar obras “electoralistas”

Veñen de presentar un escrito no Concello solicitándolle á alcaldesa do PP información sobre o importe dunha serie de obras feitas nos últimos meses e o xeito no que se afrontará o seu pago
Os cabezas de lista do PSOE, AV e BNG, entregando o escrito no rexistro do Concello./ Foto: Carlos G. Hervella.
Os cabezas de lista do PSOE, AV e BNG, entregando o escrito no rexistro do Concello./ Foto: Carlos G. Hervella.

Pasada a unha da tarde do 20 de maio, os cabezas de lista de Alternativa dos Veciños de Vilamartín (AV), José Pinto; do BNG-Asembleas Abertas, Antón Rodríguez; e do PSdeG-PSOE, Enrique Álvarez Barreiro, presentaban no rexistro de entrada do Concello de Vilamartín un escrito asinado polos tres. Nel solicitan información sobre as obras que se veñen realizando nos últimos meses no municipio, o seu importe total e “cómo pensa a alcaldesa”, a popular María Jesusa Candal, “que o Concello afrontará o pago”.

Os tres representantes políticos refírense no documento á “cantidade de obras que se veñen realizando nos últimos meses. Obras que en ningún momento foron planificadas, nin presentadas ao pleno para poder establecer un criterio de actuación”. Sinalan tamén que o orzamento de obras para o 2015 está esgotado e, “polo que se pode apreciar, dada a cantidade de obras que se está a facer, isto pode provocar que incluso se chegue a gastar o orzamento de obras destinado para o 2016”.

Asemade critícase o “marcado carácter electoralista” destas actuacións que, destacan, provoca un “endebedamento innecesario do concello”. Asemade inciden en que estas intervencións “poderían terse feito con persoal do Concello, xa que se conta con medios materiais e humanos suficientes para levalo a cabo”, en lugar de contratar a unha empresa privada.

Así no seu escrito os tres cabezas de lista solicítanlle á alcaldesa de Vilamartín “toda a información relativa a estas obras, proxectos, importes, criterios de actuación, xeito de adxudicación, xa que á vista de todos está que en ningún momento se transmitiu esta información aos representantes dos veciños nin ao pleno”.

Artigos relacionados

Back to top button