ConcellosÚltima hora

Avances nas negociacións para o arranxo da estrada vianesa de San Agostiño

Membros da comisión municipal para a mellora desta vía, propiedade de Endesa, reuníanse co deputado provincial de Cooperación, quen lles informou de que a empresa está “disposta a realizar achegas económicas que facilitarían un principio de acordo”
Imaxe da reunión do deputado provincial de Cooperación coa comisión municipal para o arranxo da estrada de San Agostiño de Viana.

O arranxo da estrada de San Agostiño en Viana do Bolo vai camiño de poder converterse en realidade. Así se constataba na reunión que o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, mantiña cos membros da comisión nomeada polo pleno vianés para o arranxo deste vial. No encontro, ademais dos integrantes da comisión (os concelleiros do PSdeG, Santiago Barja; do BNG Manuel Diéguez e do PP, Andrés Montesinos), tamén estaban presentes os deputados provinciais socialistas Miguel Bautista e Francisco Fraga.

Pablo Pérez informáballes de que a Deputación de Ourense comprometeuse a realizar os procedementos de contratación e redacción do proxecto de cesión da estrada Viana-San Agostiño ao Concello de Viana do Bolo, así como a facer a achega económica necesaria para alcanzar un acordo coa empresa eléctrica Endesa, actual propietaria desta vía.

Así o deputado provincinal de Cooperación daba conta dos avances que se están a rexistrar nas negociacións coa empresa, que “xa amosou a súa firme vontade de ceder a mencionada estrada, ademais de achegar unhas cantidades económicas que facilitarían o peche dun principio de acordo”.

Á reunión non asistiu o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, a quen a Deputación solicitará que informe sobre a cantidade económica que está disposto a poñer o Concello para o arranxo da vía, “xa que os 50.000 euros dos que falou é unha cifra totalmente insuficiente fronte a magnitude desta obra”, dixo o deputado.

Ademais, Pérez indicou que esta estrada non podería pasar a titularidade provincial “polo elevado custe que tería o proxecto, máis de 2 millóns de euros, e o feito de que no reúne as características técnicas fixadas para ser considerada como provincial”.

 

Outro dos momentos da xuntanza.

 

Na xuntanza desta mañá tamén se falou doutra vía, a chamada estrada dos Pinos, propiedade da mesma empresa, coa que se acordou falar para ver as posibilidades de cesión. Finalmente, os integrantes da comisión, que expresaron a súa satisfacción polos avances rexistrados, insistiron na necesidade de que a Deputación siga a negociar coa empresa a cesión desta vía, que unen San Agostiño coa capitalidade do municipio, ao Concello.

O concelleiro socialista de Viana do Bolo, Santiago Barja, considera que o arranxo desta estrada é “unha cuestión de vontade política e de compromiso coa veciñanza, xa non nos valen actitudes de pasividade, cómpre asumir a responsabilidade que ten cada un na reparación desta vía”. E lembra que se trata dunha loita de hai moito tempo.

Artigos relacionados

Back to top button