En portadaÚltima hora

Avanza a desescalada, desaparece a prohibición de reunirse entre a 1h. e as 6h.

O presidente da Xunta anunciaba as novas medidas tomadas polo Comité Clínico e que inclúen a apertura dos bares ata a 1h.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez, durante a súa comparecencia.

 

“Estamos nunha situación xa non de estabilidade, senón de clara baixada de indicadores da pandemia. A situación é a que tiñamos en agosto do 2020, coa vantaxe de que agora temos vacina, e 1 de cada 3 galegos están completamente inmunizados e a metade da poboación está cunha dose”, aseguraba o presidente da Xunta, Alberto Núñez, antes de dar conta das medidas tomadas onte na reunión do Comité Clínico que segue a pandemia do Covid-19 en Galicia.

Tamén indicaba que “acabaron as restricións nos concellos galegos de peches perimetrais, de toques de queda e restricións da hostalaría. Os concellos que quedan en nivel medio representan o 1% da poboación. Existe cada vez máis unha maior homoxeneidade, cun 98,3% sen restricións que non sexan as xenéricas. Galicia está na fase final da pandemia, salvo variantes descoñecidas neste momento”.

A partir de aí, Feijóo indicaba que se vai facer “unha revisión integral da normativa de todas as actividades afectadas polo Covid en Galicia. Onte o Comité Clínico autoobrigouse para que a próxima semana teñamos unha nova regulación integral e completa de toda a normativa para actualizala, se é posible levaríamola ao Comité Clínico e entraría en vigor o 19 de xuño ou o 26 de xuño, en todo caso neste mes de xuño”.

Ademais daba conta doutras decisións concretas que entrarán en vigor ás 00h. do vindeiro sábado. “Quedan sen efecto as prohibicións de reunión de non conviventes entre a 1h. e as 6h. en interiores e exteriores, non haberá límites para as reunións de persoas, aínda que seguimos recomendando que se manteña a cautela, canto máis reunións, hai máis risco de virus”, matizaba Feijóo.

Mantense a limitación de 6 persoas no interior da hostalaría, “pero suben de 10 a 15 as que se poden xuntar nun único grupo nas terrazas, se hai unha derrogación parcial do Ministerio de Sanidade”, indicaba o presidente da Xunta. Amplíanse os horarios dos bares ata 1h. co mesmo requisito de que garantan a calidade do aire a través da instalación de medidores de CO2 para non discriminar con outros establecementos como restaurantes, mesóns ou taperías.

Tamén se flexibilizan as actividades de tempo libre, por exemplo, para os cativos que estaban ao 50% da súa capacidade, soben ao 75%. Os grupos burbulla aumentan en interiores e exteriores. No caso dos campamentos de verán permitirase o 70% de capacidade máxima se se respectan as distancias de seguridade.

No relativo aos albergues, mantense a capacidade máxima do 30% e auméntase se os que compartan habitación son un grupo burbulla, aos que se pedirá unha declaración acreditada.
Con relación ao ocio nocturno “estamos pendentes da decisión do Goberno central. Xa sexa obrigada ou por recomendación. Esta fin de semana realizamos probas piloto en Galicia. A partir delas, tomaremos as decisións salvo que o Executivo estableza medidas obrigatorias. A pesar de todo, o lecer nocturno abrirá o 1 de xullo e quédannos semanas para seguir traballando”, dicía Feijóo.

O presidente asegura que “seguimos avanzando na hostalaría, en posibilidades de reunirnos, non hai límites, só mantemos 6 persoas por mesa na hostalaría en interiores, abrimos ata 15 en exteriores e pegamos un incremento exponencial de aforos en distintas actividades, tanto pechadas como abertas, igual que os albergues de peregrinos e os campamentos xuvenís. Isto queda condicionado a reunión do Consello Interterritorial que se vai celebrar esta tarde”, concluía Feijóo, quen tamén insistía en facer un chamamento á responsabilidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button