ConcellosÚltima horaVerín

Avanzan as obras de canalización da canle de San Lázaro en Verín

O obxectivo é ampliar a estrada de Vences, dotándoa de beirarrúas en ambas as marxes, carrís de circulación amplos e algunhas zonas de aparcamento

Foto: Concello de Verín.

 

O Concello de Verín está a traballar nas obras de canalización da canle de San Lázaro, situada no tramo urbano da estrada de Vences, á altura da Casa do Escudo. Esta actuación, que conta cun investimento de 48.000 euros, está incluída no Plan Provincial de Cooperación das Obras e Servizos de Competencia Municipal da Deputación de Ourense.

“As obras consisten na canalización da Canle de San Lázaro mediante a colocación de tuberías enterradas, que permitirán a circulación de caudal de auga intermitente ou estacional, e o posterior recheo do resto do foso, nun tramo equivalente a 70 metros de lonxitude”, tal e como informa o Concello de Verín.

Por outra banda, aumentaranse as beirarrúas da estrada de Vences, prolongándose en anchura sobre a zona enchida. Implementarase tamén unha nova zona de aparcamento e prepararase o terreo para executar futuras obras de urbanización.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, explica que a intención do grupo de goberno é ampliar a estrada de Vences. “Para iso é necesario dotala de beirarrúas en ambas as marxes, carrís de circulación amplos e algunhas zonas de aparcamento. É necesario lembrar”, engadía, “que a canle deixou de ter uso ou aproveitamento real, unha vez concluída a vida útil dos muíños que estaban situados nas ribeiras do río Támega, ao seu paso por Verín”.

Artigos relacionados

Back to top button