ConcellosÚltima hora

Avánzase na memoria técnica para o primeiro plan de acción da paisaxe da Ribeira Sacra

O espazo sobre o que se prevé actuar correspóndese con aqueles tramos que transcorren pola Área de Especial Interese Paisaxístico Ribeira Sacra ou polo Ben de Interese Cultural Ribeira Sacra, e que suman 61,06 km, segundo informa Medio Ambiente

Ribeira Sacra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Continúan os traballos para dotar á Ribeira Sacra dun Plan de Acción da Paisaxe que contribúa a mellorar a percepción do territorio e a comprensión dos valores da paisaxe cultural desta zona, situada entre as provincias de Ourense e Lugo, de gran riqueza natural e paisaxística. Así llo transmitiron á conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, os membros do equipo redactor deste proxecto, cos que mantiña na mañá deste luns unha videoconferencia. Na xuntanza tamén participaba Guillermo Evia, director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), e o presidente do Consorcio Turismo Ribeira Sacra e alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián.

O ámbito de actuación do plan circunscríbese ao territorio incluído nos dous itinerarios de interese paisaxístico con valores panorámicos que hai na zona: Chantada-Ponte Nova dos Peares e Monforte de Lemos–Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil. O espazo sobre o que se prevé desenvolver o devandito plan correspóndese con aqueles tramos que transcorren pola Área de Especial Interese Paisaxístico Ribeira Sacra ou polo Ben de Interese Cultural Ribeira Sacra, e que suman no seu conxunto un total de 61,06 km, segundo informa Medio Ambiente.

Concretamente, o Plan de Acción (que abarca o ámbito da futura Área de Especial Interese Paisaxístico Ribeira Sacra)  busca poder incluír no espazo de actuaciónunha serie de puntos que contan con excepcionais características para a contemplación e comprensión da paisaxe.

A memoria técnica

A memoria técnica do plan fixa entre os seus obxectivos formular actuacións cos organismos titulares das vías públicas e sentar as bases para a sinatura dun convenio de colaboración cos mesmos e co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, no que se inclúa o compromiso de mantemento das actuacións a realizar. Ademais, analiza o estado actual de ambos itinerarios partindo de cinco eixos ou puntos de vista: viario; sinalización e cruces; accesibilidade; impactos; e oportunidades.

Inclúese tamén unha relación dos atributos que singularizan a Ribeira Sacra e que teñen unha presenza relevante en determinados puntos destes dous itinerarios panorámicos, a partir dos cales se definen os ámbitos de actuación nos que desenvolver a futuro medidas de sinalización, revexetación ou comunicación que contribúan a unha mellor percepción e comprensión da paisaxe.

 

Un dos momentos da videoconferencia.

 

Plan Estratéxico de Acción

O ano pasado a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou un plan estratéxico de acción para a Ribeira Sacra no que se definen unha serie de actuacións en materia paisaxística, urbanística e ambiental que mellorarán o nivel de protección deste territorio e permitirá regular á vez as futuras intervencións no mesmo. En total, contará cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros e articularase a través de 10 propostas de actuación.

Entre as medidas incluídas neste documento, presentado en setembro ao Consello da Xunta, atopánse a reformulación de dúas áreas de especial interese paisaxístico da Ribeira Sacra, a fin de adaptalas á realidade actual e fusionalas nunha soa, e o desenvolvemento de diversas actuacións en materia paisaxística por parte do Instituto de Estudos do Territorio co horizonte posto no ano 2021.

En concreto, prevese a elaboración dun Plan de Acción da Paisaxe e dun Pacto pola Paisaxe, circunscritos ambos ao territorio das dúas áreas de especial interese paisaxístico que- tras a súa fusión- conformará a AEIP Ribeira Sacra e a súa área de influencia, formada polos 20 concellos que conforman o Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra.

Con estas medidas en materia de paisaxe así como co resto das actuacións incluídas no Plan Estratéxico de Acción para mellorar a protección deste territorio de gran riqueza, preténdese dar un pulo definitivo á dobre candidatura da Ribeira Sacra a Reserva da Biosfera e Patrimonio Mundial.

A tramitación da candidatura da Ribeira Sacra ante a Unesco daba un paso decisivo logo de que o pasado mes de marzo o Centro de Patrimonio Mundial confirmara que foi aceptada para a súa avaliación na 45º sesión do Comité, previsto para 2021. Paralelamente, tamén está en proceso a candidatura a Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel, remitida ao Comité Español MAB da UNESCO en decembro do ano pasado.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button