EconomíaEconomíaÚltima hora

A avespiña do castiñeiro e a vespa velutina serán abordadas en Expoforum Noroeste Biofim

Este foro, que se desenvolverá do 9 ao 10 de novembro en Santiago, está promovido pola Asociación de Empresas Galegas de Control de Pragas, entidade que preside o valdeorrés José Antonio Quiroga
Imaxe dunha edición anterior deste foro dos sectores do control de pragas, fitosanitarios e madeira.

Establecer un espazo de discusión e fomento sobre as inquedanzas e actividades comúns de cara a xerar ideas e tendencias nos sectores do control de pragas, fitosanitarios e madeira. Este é o obxectivo do Expoforum Noroeste Biofim 2017,que se celebrará os días 9 e 10 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

O programa deste foro, promovido pola Asociación de Empresas Galegas de Control de Pragas (AGACPRA), incluirá ponencias de diversos expertos, así como unha mesa debate, prevista para o día 10. Nela tomarán parte empresarios galegos do sector, así como representantes da asociación sectorial catalá e madrileña, do sector hostaleiro e da Administración galega.

Entre os participantes na mesa estará tamén o presidente de AGACPRA, o valdeorrés José Antonio Quiroga, quen considera necesaria unha “comisión para elaborar unha guía sobre as actuacións recomendables en relación a pragas de roedores e insectos, que son as que concentran a maior parte das intervencións das empresas do sector”. Para Quiroga esta comisión permitiría “unificar criterios de actuación e control e contaríamos coa base para elaborar unha guía, algo que aínda non existe en ningunha outra comunidade autónoma”.

Este foro, nacido no ano 2015, está promovido por AGACPRA e porá ademais o foco nas pragas que chegaron a Galicia nos últimos anos como é o caso da avespiña do castiñeiro ou da vespa velutina, que afectan a dous sectores importantes na Galicia interior como son o da castaña e o apícola. Así haberá ponencias e actividades relacionadas con este novo aspecto centrado na loita biolóxica para reducir o uso de substancias biocidas.

Artigos relacionados

Back to top button