DeportesPescaÚltima hora

Axentes ambientais localizan a un furtivo pescando troitas en época de veda e cunha arte de captura prohibida

O pescador, veciño de Agolada (Pontevedra), foi interceptado con 65 exemplares por debaixo da talla mínima

As troitas incautadas.

 

Axentes ambientais dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda localizaban  a semana pasada a un furtivo que pescaba troitas no río Tambre en época de veda e utilizando unha arte de captura masiva prohibida. No momento en que foi interceptado, levaba unha cesta con 71 troitas das que tan só 6 acadaban a medida mínima legal permitida no tramo fluvial.

Os feitos producíanse na madrugada do 13 de agosto, logo de que o persoal do Distrito XVI Deza-Tabeirós iniciara un operativo de control do pescador, residente no municipio pontevedrés de Agolada e ao que tiñan baixo seguimento desde facía dous meses. O presunto furtivo comezou a súa actividade no río Tambre, ao seu paso por Boimorto, e no momento en que se dirixía de volta ao seu vehículo, os axentes interceptárono. Nese momento, puideron comprobar que o pescador levaba un macuto cunha cesta na que contabilizaron un total de 71 troitas, na súa maior parte de talla ilegal. Tamén portaba unha chumbeira —rede de pesca de forma circular e provista de chumbos ao redor que se utiliza en lugares de pouca profundidade e cuxo uso está prohibido— e un vadeador, material que lle foi incautado xunto cos exemplares do cesto.

 

 

En todo momento o furtivo mantivo unha actitude de escasa colaboración cos axentes, dificultando a súa actividade inspectora. De feito, negouse a facilitar a entrega do material que portaba e tras darlles o contido do macuto, fuxiu precipitadamente no seu vehículo, co conseguinte perigo para a integridade dos axentes ambientais. Por esta razón, os funcionarios da Consellería deron aviso do ocorrido á Garda Civil, que enviou unha patrulla de apoio esa mesma noite e os acompañou ata o enderezo do pescador, en Agolada, onde non puideron localizalo ata dous días despois.

Pola comisión dos feitos descritos no río Tambre o pasado 13 de agosto, o presunto furtivo poderá ser sancionado, polo menos, por dúas infraccións graves incluídas na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental en Galicia.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button