ConcellosÚltima hora

Axudas para a mellora da paisaxe no Camiño en varios concellos de Ourense

Beneficiaranse Taboadela, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia, Vilariño de Conso, Baños de Molgas e Allariz

Sinalización do Camiño de Santiago. / Foto: cedida.

 

A Xunta de Galicia concede unha liña de axudas por un importe total de 80.786,47€ a varios concellos da provincia de Ourense para a mellora paisaxístia do entorno do Camiño de Santiago. Estas axudas enmárcanse dentro do Plan de Embelecemento da Ruta Xacobea e o goberno autonómico será o encargado de financiar o 75% das intervencións propostas. Os concellos que recibirán as axudas son: Taboadela (15.000€), Vilar de Barrio (14.905.40€), Xinzo de Limia (12.909,88€), Vilariño de Conso (14.993,24€), Baños de Molgas (7.977,95€) e Allariz (15.000€). Tamén serán beneficiarios 3 particulares por un importe de 24.158,25€.

A liña de axudas contempla actuacións en cinco ámbitos. O primeiro céntrase en intervencións sobre elementos etnográficos e a súa contorna como pode ser a restauración, mantemento ou conservación de hórreos, fontes, lavadoiros, pontes, muíños, valados ou calquera outro elemento tradicional vinculado cultural e paisaxisticamente ao lugar. O segundo contempla accións sobre as casas e as eiras como poden ser melloras nas fachadas e cubertas empregando materiais propios da zona. A terceira liña busca intervir no espazo agrario para reducir o impacto visual de elementos en desuso ou abandoados sen interese patrimonial. Tamén se contempla a incorporación de vexetación e a substitución e mellora do mobiliario urbano.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar o aspecto da paisaxe nos tramos da Ruta Xacobea que discorran por estes concellos. As axudas compleméntanse con outras actuacións da Xunta como pode ser o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, que ten como obxectivo mellorar as infraestruturas no Camiño. O Plan de Embelecemento tamén inclúe un proxecto piloto realizado en colaboración coa Fundación Juana de Vega que permitiu analizar e propoñer solucións para a mellora de 45 puntos do Camiño.

 

Artigos relacionados

Back to top button