EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Axudas para entidades sen ánimo de lucro que promovan unha minaría sustentable

Ata o vindeiro 2 de agosto está aberto o prazo para solicitar este tipo de axudas da Xunta de Galicia
Palé de lousa./ Foto: Carlos G. Hervella.

A primeiros deste mes de xullo a Xunta vén de abrir o prazo de solicitude para optar ás axudas dirixidas ás entidades sen ánimo de lucro que promovan unha minaría sustentable en Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria no que inviste un millón de euros apoiando o 80% do investimento total subvencionable ata un máximo de 100.000 euros por proxecto ou actuación.

Os apoios están dirixidos, en concreto, ás institucións sen ánimo de lucro relacionadas coa minaría que desenvolvan a súa actividade en Galicia, entre as que se inclúen expresamente as universidades con ensinanzas universitarias e/ou de apoio á investigación en ámbitos do coñecemento relacionados coa minaría e os colexios profesionais dos enxeñeiros de minas, enxeñeiros técnicos de minas e xeólogos, etc. Entre elas figura o Clúster da Pizarra de Galicia.

“O obxectivo principal da iniciativa é apoiar a incorporación da sustentabilidade ambiental e social no ámbito da minaría”, segundo a Consellería de Economía. Para iso, “apoiaranse as accións que contribúan á mellora das prácticas preventivas e ambientais deste sector; ao fomento da investigación e a innovación en sistemas de explotación e de tratamento mineiros innovadores; que promovan a transferencia de coñecemento e un aproveitamento máis racional e eficiente dos recursos con fin de xerar valor e un desenvolvemento económico sustentable e integrador social e territorialmente. Así mesmo, o programa de axudas tamén apoia aquelas accións que promovan a investigación e divulgación da historia da minaría de Galicia, así como a recuperación e a posta en valor do patrimonio mineiro”.

Dende a administración gaelga primaranse “as actuacións que teñan como obxectivo principal a sustentabilidade e que destaquen pola súa calidade técnica e a aquelas entidades que fomenten a responsabilidade social corporativa, que promovan a integración laboral das persoas con capacidades diferentes e que aposten pola igualdade de xénero”.

As axudas poderán solicitarse ata o próximo 2 de agosto.

 

Máis información:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190702/AnuncioG0424-210619-0010_gl.html

Artigos relacionados

Back to top button