EconomíaEconomíaÚltima hora

Axudas para a plantación de castiñeiros de froito

A orde que as regula publicábase o 27 de xuño no Diario Oficial de Galicia
Souto de castiñeiros na provincia de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.
Souto de castiñeiros na provincia de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

A eliminación do criterio de pendente máxima e de superficie máxima do terreo, a diminución da superficie mínima e a ampliación do ámbito xeográfico a toda Galicia. Son as principais novidades da orde de axudas para plantar castiñeiros para froito nunha superficie de entre 1.000 e 1.200 hectáreas que vén de públicar a Consellería do Medio Rural no Diario Oficial de Galicia (DOG) en xuño. Nela darase prioridade ás actuacións no ámbito da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia e ás zonas de montaña.

Esta liña de axudas, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematará a finais de xullo, conta cun orzamento de 2,6 millóns de euros, cofinanciados con fondos Feader. “Cubrirán investimentos feitos ata o 15 de decembro deste ano. Poderán orientarse a cubrir tres tipos de gastos: os derivados da plantación do souto, como o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo e a adquisición da planta; os investimentos no coidado, mantemento e enxertado das árbores e as infraestruturas de acompañamento e obras complementarias”, tal e como se informa dende a Xunta de Galicia.

Poderán ser beneficiarios destas subvencións “as sociedade de fomento forestal, os propietarios particulares de forma individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro-indivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas ou as comunidades de montes veciñais en man”, segundo recolle a orde publicada no DOG.

Con carácter xeral, o importe das axudas será dun mínimo de 300 euros e un máximo de 2.200 euros por hectárea. “Dependerán da densidade da plantación (a maior densidade, maior axuda) e de se o castiñeiro é enxertado ou non (primaranse as árbores enxertadas). A superficie mínima para particulares é de media hectárea, pero o presidente indicou que “varios propietarios poderán unirse para alcanzar esa superficie en parcelas contiguas”, segundo se informa dende a Xunta. Esta superficie mínima elevarase a dúas hectáreas no caso das comunidades de montes. Respecto aos complementos para pechar as plantacións, oscilarán entre os 280 e os 7.000 euros por quilómetro.

Máis información:
http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160627/AnuncioG0426-090616-0001_gl.pdf

Artigos relacionados

Back to top button