SanidadeÚltima hora

Axustes na normativa sanitaria nos mercadiños, feiras de atraccións e congresos

Así o anunciaba o conselleiro de Sanidade, Julio García, durante a rolda de prensa para dar conta das decisións tomadas onte polo Comité Clínico

O conselleiro de Sanidade, durante a súa comparecencia esta mañá.

 

Na rolda de prensa que ofrecía esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para dar conta dos acordos tomados na reunión de onte polo Comité Clínico (que segue a pandemia do Covid-19 en Galicia) anunciaba unha serie de axustes na normativa sanitaria sobre a celebración de mercadiños, feiras de atraccións e os congresos.

Con respecto aos mercadiños, “o que se vai facer é que naqueles de menos de 150 postos autorizados, pódense colocar o 100% destes postos. E, entre 150 e 250 postos, o 75%. No caso de máis de 250 postos será o 50%, mantendo por suposto, sempre as distancias de seguridade establecidas na norma”, tal e como concretaba o conselleiro de Sanidade.

No que se refire ás feiras de atraccións, axústase o aforo a atraccións onde pode estarse sentado que se sitúa no 50% do aforo e, no caso de atraccións onde hai movemento, redúcese ao 30%.

Finalmente, no caso dos congresos, aumenta o aforo no interior que pasa de 300 a 500, mentres que no exterior mantense en 1.000, “sempre mantendo as distancias de seguridade e as normas sanitarias de calquera evento”, indicaba o conselleiro.

Estas medidas entrarán en vigor ás 00h. do vindeiro venres 23 de abril.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button