EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Balance “moi positivo” da presenza da D.O. Valdeorras na London Wine Fair

O presidente do CRDO Valdeorras, no stand do consello na London Wine Fair.

Do 22 ao 24 de maio desenvolvíase na capital británica a London Wine Fair, un dos foros máis relevantes do eido do viño de cantos se celebran no ámbito europeo. Neste salón tiña presenza directa o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, cun stand no cal dez adegas da comarca amosaban as súas referencias máis significativas de brancos e tintos: O Luar do Sil S.L; Bodega Ruchel S.L; Guitián y Blanco S.C; Bodega Virxe de Galir S.A.T; Adega A Coroa S.A.T; Bodega Roandi S.L; Bodega Cooperativa Jesús Nazareno; Bodega Santa Marta S.A.T; Bodega Joaquín Rebolledo S.A. e Bodega Cooperativa Virxe das Viñas.

O presidente da D.O. Valdeorras, Francisco García, fai un balance “moi positivo” da presenza dos viños valdeorreses na London Wine Fair. O expositor do Consello Regulador valdeorrés era visitado nos tres días de feira por máis de 150 persoas, entre elas sumilleres de restaurantes británicos, compradores de tendas especializadas ou representantes dos medios especializados. “Nestes días visitounos moita xente nova, de entre 20 e 30 anos, con vinculación profesional directa co viño ou co eido gastronómico”, destacaba, “todos eles amosaronse moi interesados en coñecer os nosos viños e unha vez os degustaban quedaban gratamente sorprendidos pola súa calidade. Estamos moi satisfeitos coa enorme acollida que o público nos deu estes días en Londres”.

Na súa meirande parte, os asistentes a esta feira eran orixinarios ou residentes no Reino Unido, un público que pouco a pouco vai coñecendo os viños da comarca de Valdeorras. “Aínda así, puidemos comprobar que unha ampla porcentaxe dos que nos visitaron non tiñan referencias previas dos nosos viños”, sinalou García. Por este motivo, considera “prioritario” seguir desenvolvendo accións de promoción no futuro.

Artigos relacionados

Back to top button