En portadaÚltima hora

Balance positivo da campaña “Máis Barco”, con 4.031 tarxetas entregadas

Isto supuxo a mobilización de máis de 200.000 euros para gastar nos 115 establecementos barquenses (de todas as ramas da actividade comercial e hostalaría) que se adheriron á campaña, segundo o Concello do Barco

Logotipo que identifica aos establecementos participantes na campaña./ Foto: A.R.

 

De “moi satisfactorio” cualifica o Concello do Barco o resultado da campaña de dinamización no comercio e na hostalaría “Máis Barco”. Durante o prazo establecido para a solicitude e reparto das súas tarxetas solicitáronse e entregáronse un total de 4.031. Isto supuxo a mobilización de máis de 200.000 euros para gastar nos 115 establecementos barquenses (de todas as ramas da actividade comercial e hostalaría) que se adheriron á campaña.

“A semana pasada, segundo o seguimento dos datos das tarxetas, quedaban en torno a 1.300 tarxetas sen utilizar, co saldo íntegro e 50 euros, e outras 900 con saldo pendente de gasto , o que significa que aínda quedan cerca da metade dos cartos por circular nos comercios. Os titulares das tarxetas teñen aínda todo o mes de marzo para gastar o saldo das tarxetas.

Segundo os datos dos que dispón o Concello, esta campaña resultou moi satisfactoria para o comercio e a hostalaría local, “ao porse en marcha ademais nun momento de baixo consumo polas restricións horarias e de aforo”.

Do total de tarxetas postas a disposición do público, quedaron en torno a 1.000 sen solicitar. “É unha pena”, di Eladio Santos, concelleiro de Turismo, Comercio e Promoción Económica, “porque se ben hai que recoñecer que o obxectivo era ambicioso, gustaríanos ter vendido todo, e incluso moitos peticionarios non puideron recoller a tarxeta polas restriccións de mobilidade entre concellos”.

Durante a campaña non se rexistraron apenas problemas técnicos. “O sistema foi cómodo e sinxelo para o usuario, e aporta liquidez inmediata para o establecemento, que era do que se trataba. Axudas de emerxencia para momentos de emerxencia”, continúa o concelleiro, quen pensa que o que o Concello quería era “dinamizar o comercio local en tempos de Covid, e isto está conseguido, polo que despois do traballo e da inversión realizados polo Concello, coa participación e implicación de Aeva, CCA e o apoio financeiro de Abanca, o balance é moi positivo”.

Artigos relacionados

Back to top button