Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Baltar investido novamente presidente da Deputación de Ourense

Resultaba elixido por maioría absoluta na sesión constitutiva da nova Corporación provincial, constituída o venres 28 de xuño

Comeza o novo mandato 2019-2023 na Deputación de Ourense tendo novamente ao popular Manuel Baltar Blanco como presidente. A nova Corporación provincial constituíase no pleno celebrado no mediodía do 28 de xuño, sendo a primeira de Galicia en formarse e unhas das primeiras de España.

Está integrada por un total de 25 deputados: 12 do PP, 9 do PSdeG-PSOE, 2 de Democracia Ourensana, 1 do BNG e 1 de Ciudadanos. Todos eles xuraban ou prometían os seus cargos tras a formación da mesa de idade, presidida polo popular Miguel Cid, alcalde da Teixeira, e da que tamén formaba parte o concelleiro socialista do Carballiño Diego Fernández. O primeiro en tomar posesión (tras os dous membros da mesa de idade) era Aurentino Alonso, concelleiro do Barco, que se estreaba no pleno provincial, xunto ao rues Álvaro Fernández (PP), á barquense Luz Doportou, ao ribadaviense César Fernández (PP), ao verinés Gerardo Seoane (PSdeG-PSOE) ou a Bernardo Varela (BNG), entre outros.

O seguinte punto da sesión era a elección do presidente levouse a cabo mediante voto secreto en urna dos 25 deputados. Ademais de Manuel Baltar, presentaban candidatura o socialista Rafael Rodríguez Villarino e Montserrat Lama Novoa, de Ciudadanos. O resultado dáballe a maioría absoluta a Baltar, cun resultado de 14 votos, fronte aos 10 de Villarino e ao único voto para a ex deputada do PP e agora de Ciudadanos.

 

 

 

 

 

 

Despois de xurar o seu cargo, Manuel Baltar iniciaba o discurso coas mesmas verbas que encabezaron as súas dúas tomas de posesión anteriores (en febreiro de 2012 e xullo de 2015) “son ourensán e creo en Ourense”, esta vez, engadindo “sinto paixón por Ourense”. Afirmou que será o “presidente de todos” tras agradecer os doce votos dos deputados do grupo popular e os dous de Democracia Ourensana. Ademais resaltaba tanto ao inicio como ao final da súa intervención as palabras “humildade” e “reilusionar”: “Humildade, que debe sempre caracterizar a representación política, e reilusionar, pensando nun mellor Ourense, onde todos sexamos protagonistas”.

Ademais aseguraba que o programa co que se presentou para gobernar a provincia, o “Ourense 72-73”, “convértese desde hoxe en plan de mandato, a folla de ruta da visión integral da provincia que defendemos cun obxectivo: un mellor Ourense”, e dixo sentirse satisfeito do balance do pasado mandato, co desenvolvemento do Plan “Ourense 15-19”, do que salientou como resultados “a débeda cero acadada pola Deputación de Ourense; o liderado nacional en transparencia e a visibilidade de Ourense nos órganos de discusión e en foros nacionais e internacionais”. Dicía tamén que a política do pacto e do acordo “visualízase hoxe aquí coa miña nova investidura”.

 

Sobre as perspectivas da etapa 2019-2023, Baltar destacou que será “o mandato do Xacobeo 21, no que os camiños de Santiago que atravesan o noso territorio cobrarán maior protagonismo. Consolidaremos a Ourense como a gran provincia termal de Europa, e aquí abrirá as súas portas o Centro Galego de Innovación na Formación Profesional e o edificio Provincia Intelixente, que acollerá máis e mellor emprego tecnolóxico”, salientou, remarcando que seremos “Patrimonio Mundial da UNESCO, distinción que ostentará a Ribeira Sacra, incrementando así o turismo de calidade”.

 

 

Asemade, Manuel Baltar dixo que o goberno provincial promoverá, da man da Universidade de Vigo, o Observatorio Internacional do Medio Rural, “unha excelente oportunidade para innovar e poñer en valor o noso potencial agroalimentario e forestal, outra ferramenta tamén para as políticas que debemos seguir implementando no ámbito do reto demográfico”.

As valoracións

Dende o PSdeG-PSOE, o deputado Rafael Rodríguez Villarino, cualificaba a nova investidura de Baltar como un “espectáculo triste”. Non dubidou en facer referencia aos representantes de Democracia Ourensana “que quedaron sentados coa cabeza gacha” e concluía dicindo que “ o que hoxe se levou a cabo é traizón”.

Para o nacionalista Bernardo Varela a investidura foi unha “oportunidade perdida para a provincia”, mentres que Montserrat Lama Nóvoa declarábase orgullosa de entrar na deputación cun escano dunha muller e anunciou unha oposición “construtiva”.

Pola súa banda, o actual alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, presente na sesión, dirixíase aos medios tras unha aperta con Baltar, sinalando que as circunstancias e os votos demostraban que están loitando por Ourense.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

O novo pleno da Corporación provincial

Presidente:  José Manuel Baltar Blanco (PP)

Grupo do PP:

Plácido Alvarez Dobaño

Rosendo Luís Fernández Fernández

Jorge Pumar Tesouro

Luz Doporto Real

Consuelo Vispo Seara

Álvaro José Fernández López

Pablo Pérez Pérez

Ana Villarino Pardo

Patricia Torres Madureira

Miguel Antonio Cid Álvarez

César Manuel Fernández Gil

 

Grupo do PSdeG-PSOE:

Diego Fernández Nogueira

José Ignacio Gómez Pérez

Elvira Lama Fernández

Rafael Rodríguez Villariño

Susana Rodríguez Estévez

Gerardo Seoane Fidalgo

Margarita Pérez Fernández

Álvaro Vila Araújo

Aurentino Alonso Araújo

 

Democracia Ourensana (D.O.):

José Miguel Caride Domínguez

Armando Ojea Bouzo

 

BNG:

Bernardo Varela López

 

Ciudadanos (CS):

Montserrat Lama Novoa

Artigos relacionados

Back to top button