PolíticaÚltima hora

Baltar pedirá aos candidatos ás locais de 2019 que integren nas súas listas a membros de Novas Xeracións

José Antonio Parente e Manuel Baltar.

O presidente de Novas Xeracións de Ourense, José Antonio Parente, vén de facer balance da xestión da organización xuvenil dos populares. Doce meses de actividade que veñen de rematar coa elección de catro mozos de Novas Xeracións de Ourense como representantes no comité executivo e na xunta directiva nacional no congreso celebrado esta fin de semana en Sevilla.

Na comparecencia desta mañá, Manuel Baltar anunciou que “a todos os responsables locais do partido e candidatos nas eleccións locais de 2019 imos pedirlles que conten nas súas listas con representantes de Novas Xeracións”. Tamén subliñou que unha das claves para gañar nas eleccións reside “en representar nas listas a todos os sectores de poboación e este partido, a nivel provincial, sempre foi un exemplo”. No PP, engadiu, “queremos ter elixidos neste ano, con moita antelación, aos cabezas de listas das próximas municipais” e neste proceso os órganos de dirección do partido pedirán os presidentes das agrupacións locais e os candidatos que conten cos mozos de Novas Xeracións para a confección das listas municipais no 2019.

Para Manuel Baltar, este primeiro ano de xestión de José Antonio Parente “vén de cumprir as máis favorables expectativas, pois queríamos dar unha velocidade máis a Novas Xeracións, cuxa achega que foi fundamental nos recentes éxitos electorais da nosa formación”.

José Antonio Parente é un dos novos membros deste comité e o segundo é Serxio María Rodríguez, que ademais será responsable nacional de política autonómica. Aínda hai dous representantes máis na dirección nacional, Ignacio Campo e Adrián González, que formarán parte da xunta directiva.

José Antonio Parente, pola súa banda, destacou un incremento dun 60 % nas afiliacións a Novas Xeracións de Ourense, ata chegar a preto de 500 afiliados, “o que significa que coñecemos as inquedanzas da nosa mocidade”.

No seu balance de xestión, Parente lembrou as campañas solidarias desenvolvidas neste último ano, a iniciativa “Coñece a túa provincia” con visitas a empresas relacionadas cos principais sectores produtivos da provincia, o apoio a un sector estratéxico como o termalismo ou, subliñou, as actividades a prol da promoción da cultura ourensá, que terán o 16 de maio unha cita “de primeira orde coa homenaxe que imos facer ao limián Carlos Casares, para quen hai un ano reivindicamos as letras galegas”.

Artigos relacionados

Back to top button