CulturaCulturaMúsica

A banda de Cristina Pato gaña o Grammy ao mellor álbume de “world music”

O álbume de Silk Road Ensemble, Sing me home inclúe o tema Cabaliño, interpretado tamén por Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña
A gaiteira ourensá Cristina Pato.

Silk Road Ensemble, do que forma parte a artista ourensá Cristina Pato, vén de gañar o Grammy ao mellor álbume de “world music” grazas ao seu traballo Sing me home, galardón que tamén conseguira en 2010 con Songs of Joy and Peace.

Yo-Yo Ma e o Silk Road Ensemble, a banda á que pertence Cristina Pato, estreaba en abril de 2016 o disco que inclúe unha nova versión de Cabaliño, canción tradicional galega que foi gravada xunto cos músicos galegos e membros do Rústica (proxecto no que tamén participou Cristina Pato), Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña. O novo arranxo deste tema foi realizado por Anxo Pintos e ten como solistas a Yo-Yo Ma, o iraní Kayhan Kalhor e Davide Salvado.

O álbume explora a sempre cambiante idea de fogar a través de melodías folk tanto tradicionais como orixinais interpretadas polo Silk Road Ensemble, Yo-Yo Ma, e unha variedade de salientables artistas convidados, que ademais dos músicos galegos, inclúe outros artistas de renome como Gregory Porter, Sarah Jarosz ou Abigail Washburn.

A ourensá Cristina Pato, a gaiteira galega máis internacional, é unha mestra gaiteira, pianista clásica e educadora apaixonada, e desde xaneiro deste ano imparte clases no Departamento de Música da Universidade de Harvard (EE.UU.) como “artista distinguida” nun curso sobre etnomusicoloxía. Forma parte, xunto co seu compañeiro de The Silk Road Ensemble, Shane Shanahan, do programa The Blodgett Distinguished Artist in Residence que mantén Harvard desde hai 26 anos.

Artigos relacionados

Back to top button