OurenseÚltima hora

Baños de Molgas será o punto de partida e meta da proba ciclista “Challenge los 4 días de Ourense”

A proba celebrarase do 18 ao 21 de abril e pasará concellos de Maceda, Vilar de Barrio, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Taboadela e Ourense
Presentaciónn da “Challenge los 4 días de Ourense – A Provincia Termal”.

Termalismo, turismo e por suposto deporte, son os eixes sobre os que xira a proba ciclista Challenge los 4 días de Ourense, unha iniciativa que se celebrará do 18 ao 21 de abril no concello de Baños de Molgas, organizada pola Deputación de Ourense –por medio do Inorde- e a Fundación ADO Moure para difundir os valores da práctica deportiva en todas as idades.

Con percorridos que van dos 69 aos 80 quilómetros, a proba conta con etapas de diferentes dificultades, “sendo o máis importante que se trata dun evento deportivo para todos, que contribúe a difundir a riqueza termal, paisaxística e natural da provincia, motivo polo cal a Deputación de Ourense apoia esta iniciativa que destaca os valores de saúde, sacrificio e convivencia que tan ben definen ao deporte”, dixo Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, na presentación.

Neste sentido, o presidente da Fundación ADO Moure, Carlos Moure, agradeceu a colaboración das diferentes institucións e empresas e dixo que o obxectivo desta proba “é que a xente coñeza a fermosa contorna de Baños de Molgas e os demais concellos limítrofes gozando da natureza e da bicicleta”. Tamén, o alcalde de Baños de Molgas, Xaime Iglesias, remarcou que este evento “ten un carácter especial, polo que supón de compartir en familia unha actividade deportiva que achega dinamismo ao noso municipio”.

As catro etapas do Challenge los 4 días de Ourense terán como punto de saída e chegada Baños de Molgas e percorrerán, ademais, os concellos de Maceda, Vilar de Barrio, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Taboadela e Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button