ConcellosÚltima hora

Barbadás consegue apoio económico da Deputación para distintos proxectos

Entre esas actuacións, por valor de 300.000 euros, está a renovación do céspede do campo dos Carrís e o ascensor ao Centro de Saúde da Valenzá, entre outros
Victoria Morenza, Xosé Carlos Valcárcel, Manuel Baltar e Xosé Manuel Fírvida.

Diferentes representantes da Corporación Municipal de Barbadás, en concreto o alcalde Xosé Carlos Valcárcel; o tenente de alcalde, Xosé Manuel Fírvida e a concelleira de Infraestructuras, Vías e Obras e Urbanismo, Victoria Morenza, reuníronse hoxe, 26 de maio, co pesidente da Deputación, Manuel Baltar, para acordar unha serie de axudas a devandito Concello. Desa xuntanza salíu o compromiso de que o ente provincial vai dotar ao Concello de 30.000 euros de axuda para diferentes actuacións.

En concerto, a Deputación fará aportacións económicas para a mellora do acceso ao novo Centro de Saúde de A Valenzá, a substitución do céspede artificial do campo de fútbol dos Carrís e a construción dunha pista de patinaxe (skate), segundo anunciou o presidente da institución provincial, Manuel Baltar.

“O compromiso do respaldo económico aos proxectos plantexados polos gobernantes de Barbadás concretarase nos próximos orzamentos da Deputación”, apuntou o presidente, que avanzou que a aprobación inicial está prevista para o próximo mes de setembro. Concretamente, Baltar anunciou a negociación coa Consellaría de Infraestruturas ou Sanidade (segundo as competencias), para cofinanciar o ascensor proxectado que permita salvar o forte desnivel nos accesos ao Centro de Saúde. Neste senso, a disposición do presidente da institución é de achegar o diñeiro que deixe de aportar a Xunta, mentres que o Concello participaría cunha partida ainda sen concretar, pero que rondaría os 10.000 euros.

Esta colaboración pasa, segundo informaron fontes de ambas isntitucións, por asinar un convenio coa Dirección Xeral de Deportes para infraestruturas deportivas da provincia, onde figuraría de maneira illada ou con outras, o novo céspede do campo de fútbol dos Carrís, atendendo a que en Barbadás está o equipo de superior categoría da provincia, a 3ª división. A obra suporá un investimento de 190.000 €, que se financiaría co convenio entre Deportes e Deputación e o concello de Barbadás, que faría unha aportación que ronde os 40.000 €

Para o 2018 quedaría tamén unha partida destinada a cofinanciar a pista de patinaxe (skate) do concello de Barbadás, cuxo proxecto acadará os 72.000 euros e que o tenente de alcalde, Xosé Manuel Fírvida, xustifica no feito de que “Barbadás dispón da poboación máis nova da provincia e unha das máis novas de Galiza, xa que conta con mais de 2.500 mozos e mozas menores de 25 anos, entre quenes esta modalidade deportiva conta con grande aceptación”.

En termos parecidos se expresou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel. A responsable de Urbanismo, Vías e Obras e Infraestructuras, Victoria Morenza, pola súa parte, amosou a sua satisfacción pois “trátase de solventar tres eivas importantes para o concello, que veñen sendo moi demandadas, como son as melloras no terreo de xogo do campo de fútbol, a construcción dunha pista de ‘skate’ e a mellora do acceso ao Centro de Saúde, que figura como unha prioridade dentro do Plan de Accesibilidade presentado recientemente e para o que xa contamos cun proxecto que constará dunha plataforma dotada dun elevador para salvar a forte pendiente existente dende a Avenida de Celanova”.

Artigos relacionados

Back to top button