ConcellosÚltima hora

“Barbadás ten pluma” programa unha chea de actividades relacionadas co colectivo LGTBI

O prgrama arranca o próximo luns, 26 de xuño, e contembla relatorios, Tranfeminismo, sexualidade…

A concellaría de Igualdade do Concello de Barbadás ten programadas unha serie de actividades baixo o lema “Barbadás ten pluma” que se desenvolverán entre o luns 26 e o venres 30 de xuño.

Segundo a responsable da devandita área, a nacionalista Ánxela González Cid, o programa incita “por un lado ao debate e por outro forma e informa en torno á diversidade na orientación sexual e de xénero”. Para a concelleira “o propio nome do programa é provocador, ao tratarse dun título controvertido que pretende chamar a atención e abrir o debate social en torno ás palabras que utilizamos para nomear ao colectivo LGTBI”.

Engade González Cid que “pretendemos provocar o debate sobre a diversidade, sobre a identidade de xénero e sobre as diversas orientacións sexuais coa fin de poñer un gran de area para normalizar a situación do colectivo LGTBI”. Neste senso, a responsable de Igualdade apunta que “dende Barbadás asumimos como propias as súas reivindicacións e recoñecemos e aplaudimos o traballo e o esforzo e dedicación dos colectivos LGTBI que derrubaron muros. Camiños que hoxe permiten que moitas persoas poidan transitar por eles en liberdade e con dignidade”.

En palabras de Ánxela González, o programa “tamén pretende formar e informar, polo que se programaron dúas relatorios-coloquio”. Arranca a programación o luns 26 a partir das 19:30 horas nas instalacións da Solaina (servizo de Igualdade) con Laura Bugalho activista do colectivo LGTBI que nos falará sobre Transfeminismo e o martes 27, o colectivo Arelas (asociación de familias de menores trans de Galiza), pretende dar a coñecer o traballo que están a levar a cabo.

O mércores e o xoves, a partir das 6 da tarde, será Berta Vega, terapeuta sexual e sexóloga, quen dirixirá un obradoiro sobre “sexo con(sentido) e diversidade sexual”, dirixido fundamentalmente á mocidade no mesmo espazo.

O venres día 30 as actividades trasladaranse á rotonda da familia onde haberá unha acción de formación en rúa con Lésbicas Creando, un colectivo que desenvolve accións a prol da visibilización e normalización das persoas LGTBI.

A concelleira fai mención especial a exposición fotográfica “Somos” do alumnado do IES Politécnico de Vigo que estará instalada nos locais da Solaina, no servizo de Igualdade e que poderá ser visitada desde o luns día 26. “Somos” pretende facer visible a través da fotografía as diversas orientacións sexuais desde o punto de vista duns mozos e mozas que amosan gran beleza e creatividade no seu traballo.

Desde a concellaría de igualdade do governo de Barbadás “pretendemos pór en marcha políticas que nos leven a avanzar no camiño da igualdade real entre as persoas, independentemente da súa orientación sexual e de xénero e queremos convidar a toda a cidadanía a participar, , falar, debater, analizar e nomear coa finalidade de normalizar todo tipo de núcleos familiares, todo tipo de xéneros, todo tipo de opcións sexuais e de promover unha labor activa na loita contra todo tipo de discriminación”.

Programa.

Artigos relacionados

Back to top button