O Barco, escenario da gala anual do atletismo galego o 12 de xaneiro

Entre os galardonados estarán varios atletas valdeorreses e tamén o Club Adas Proinor, con ata tres distincións

Atletas de diversas categorías do Club Adas Proinor, xusto antes dunha proba nas pistas do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

Valdeorras converterase en referente do atletismo galego na tarde deste venres 12 de xaneiro. O Teatro Lauro Olmo do Barco acollerá por vez primeira a gala anual deste deporte, na que se entregarán multitude de distincións, algunhas das cales recaerán en atletas valdeorreses e tamén no Club Adas. Será a 11ª edición deste evento que reunirá á élite deste deporte galego. “Dende a Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo (FGA) falamos co Concello do Barco e coa federación e conseguiuse. Era a única delegación de Galicia na que nunca se fixera a gala”, explican dende esta entidade.

Algúns dos premiados xa son públicos. Así entre os atletas absolutos que recibirán unha distinción figuran medallistas valdeorreses como Leticia Gil e Carlos Revuelta, así como veteranos como José Fernández Nieves e Mónica Yáñez Pérez (medallistas nacionais 35), Raquel Lameiro (40) e Luis Nogueira (60).

No apartado de clubs, o Adas Proinor recollerá ata tres premios nesta gala pola súa prata no campionato de España de montaña masculino absoluto (cun equipo formado por Iván Cánovas, Alejo Ares e Iván Fernández), pola prata no campionato de España en 10 km ruta feminino (cun equipo integrado por Esther Navarrete, Leticia Fernández, Sandra Mosquera e Iria Fernández) e polo bronce no campionato de España medio maratón masculino (cun equipo no que participaban Hasam Lekuili, Ricardo Vázquez e José M. Fernández).

Hai outra serie de galardóns que se darán a coñecer no decurso da gala. É o caso do mellor club, adestrador revelación, adestrador absoluto e de categorías inferiores, mellores atletas veteranos, sub-23 e absolutos.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies