En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Barco estrea a súa VIII Ruta de Pinchos o 11 de xaneiro

Prolongarase ata o 21 de xaneiro e nela participan 21 establecementos de hostalaría da vila

Con novas propostas e moita creatividade despregarase a VIII Ruta de Pinchos “O Barco Vai de Viños” entre o 11 e o 21 de xaneiro. Esta nova edición presentábase na mañá do 10 de xaneiro na Praza de Abastos do Barco nun acto coa presenza de hostaleiros no que se daban a coñecer a meirande parte dos “pinchos estrela” que a prezo de 1,70 euros poderán degustarse. Nel contábase coa asistencia das presidentas da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA), Araceli Fernández, e do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), Sandra Moldes, así como da concelleira de Comercio e Turismo barquense, Irene Dacal.

Comeza intervindo Sandra Moldes, quen expoñía a mecánica da ruta, moi semellante a doutras edicións. Nela os locais están distribuídos en tres zonas, cada unha das cales agrupa sete locais: mencía, godello e dona branca. Ademais incidirase en fomentar a participación do público cun sorteo de catro ceas para catro parellas ao que poderán optar as persoas que selen o folleto en alomenos un mínimo de cinco locais da ruta (e que sexa cando menos un de cada unha das tres zonas). Unha vez cuberto, poderá depositarse nas urnas que se instalarán nos propios establecementos. O sorteo terá lugar o 23 de xaneiro. Moldes tamén agradecía á colaboración do Concello nesta actividade.

Pola súa banda, tanto a concelleira de Turismo do Barco como a presidenta de AEVA animaron á participación nesta iniciativa gastronómica e tamén agradeceron o labor da hostalaría.

Fotos: A.R.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Imaxe do folleto desta edición no que poden verse os locais participantes na ruta.

Artigos relacionados

Back to top button