En portadaSanidadeÚltima hora

O Barco pedirá a retirada do anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia

A decisión tomábase na Comisión de Sanidade que o Concello barquense celebraba no mediodía do 16 de agosto
O concelleiro de Sanidade, Orlando Saavedra, presidindo a Comisión de Sanidade do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

O anteproxecto que modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia analizábase na mañá do 16 de agosto na Comisión de Sanidade do Concello do Barco. Na xuntanza abordábanse as posibles conscuencias que este novo texto normativo podería ter para a comarca de Valdeorras e saía adiante a proposta de pedir á Xunta de Galicia a súa retirada e que conforme “un grupo de traballo, que inclúa a representantes de todos os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia, Fegamp, sindicatos, asociacións de pacientes, colexios profesionais de sanidade e outros colectivos para determinar as posibles necesidades de modificación da lexislación sanitaria”. Esta proposta resultaba aprobada na Comisión de Sanidade barquense cos votos a favor do PSdeG-PSOE e de Riada Cidadá, mentres que “o PP optou por non votar.

“Este anteproxecto inclúe unha serie de modificacións sobre a citada lei de moito calado, e con moita relevancia para o sistema sanitario galego en termos de participación, de organización do mapa sanitario e os seus recursos, de formación, investigación e outras áreas”, segundo a proposta aprobada na Comisión de Sanidade do Barco. Tamén se califica de “oscurantista” o feito de “iniciar este proceso en pleno mes de agosto”.

Unha das cuestións que se consideran de maior importancia no citado anteproxecto é a da reorganización do mapa sanitario de Galicia, pois, segundo o texto do acordo tomado na comisión barquense, “reformula a ordenación actual cara un modelo máis concentrado e que perde atención ás comarcas e áreas sanitarias rurais e semiurbanas. A proposta pretende retirar da lei as delimitacións sobre áreas sanitarias, e as especificacións sobre funcións, características e fundamentos da súa relevancia, creando unha nova división entre áreas, distritos e zonas que, como se apunta na propia proposta de modificación, quedarían a expensas de ser determinadas por “decreto do Consello da Xunta”. Ao fío desta nova delimitación do mapa sanitario, quedan no aire as áreas sanitarias do Salnés, Mariña Lucense, Monforte e Valdeorras, por ser áreas comarcais ás que se abre a porta da perda de servizos a favor das concentracións de servizos nos centros hospitalarios das grandes urbes”.

 

Outro dos momentos da comisión./ Foto: Carlos G. Hervella.

O acordo tomado en comisión será levado mañá á Comisión de Goberno do Barco e, posiblemente, se aborde no pleno municipal do vindeiro mes de setembro, segundo adianta o concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra.

Artigos relacionados

Back to top button